Oficina CEER
 13-07-2011
MOSTRAN NA USC EXPERIENCIAS DE ÉXITO NO ÁMBITO DA TRANSFERENCIA DE COÑECEMENTO MATEMÁTICO Á INDUSTRIA

Promovidas pola Real Sociedade Matemática Española (RSME) no ano en que se conmemora o seu centenario, esta semana desenvólvense en Santiago unhas xornadas sobre transferencia e matemática industrial nas que se mostrarán numerosos casos de éxito, produto de colaboracións frutíferas entre o mundo académico-científico e o empresarial. A inauguración tivo lugar este martes na Facultade de Matemáticas nun acto presidido polo reitor da USC, Juan Casares Long.

No encontro participan especialistas europeos que presentarán aplicacións en campos tan diversos como análises de riscos en finanzas, simulación numérica de electrodos metalúrxicos compostos, mellora e monitorización de procesos químicos, simulación numérica de máquinas eléctricas ou planificación de industrias culturais. Tras todas estas experiencias atópanse os departamentos de I+D de empresas como Analistas Financieros Internacionales (AFI), FerroAtlántica I+D, GMV Aerospace and Defence, S.A, Lignitos de Meirama, Open Grid Europe GmbH, ORONA, Qlucore ou UBE CORPORATION EUROPE, S.A.

Entre as persoas participantes destacan a presidenta da Société de Mathématiques Appliquées et Industrielles (SMAI), Mª Jesús Esteban; o presidente do comité de educación do European Consortium for Mathematics and Industry (ECMI), Matti Heilio; e o vicepresidente do Konrad - Zuse - Zentrum für Informationstechnik, Martin Grötschel.

As xornadas, a desenvolver ata o 14 de xullo na Facultade de Matemáticas baixo a coordinación dos docentes da USC Peregrina Quintela e Alfredo Bermúdez, contan ademais coa participación da directora xeral de Transferencia de Tecnoloxía e Desenvolvemento Empresarial do Ministerio de Ciencia e Innovación, do director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Xunta de Galicia e do director xeneral do Centro para o Desenvolvemento tecnolóxico e Industrial.

A RSME premia dúas teses da USC.
Aproveitando este evento científico, a RSME fai entrega dos premios do concurso estatal de teses doutorais realizadas no ámbito da matemática industrial. As catro teses recoñecidas nesta ocasión céntranse no deseño de algoritmos que permiten propor modificacións en tempo real da ruta dun avión en vo para evitar a súa proximidade a outras aeronaves, na simulación numérica dun modelo xeoquímico que permite predicir a calidade da auga de lagos formados en minas a ceo aberto, no desenvolvemento de software de apoio para o deseño de fornos de indución sen núcleo fabricados para o fundido de metais e mellorar o seu rendemento unha vez instalados e no deseño de sistemas intelixentes para a predición e control do acabado superficial en procesos de fresado a alta velocidade.

Dos catro premiados, dous realizaron os seus traballos de doutoramento na USC -Luz María García García e Rafael Vázquez Hernández-; Maritza Correa Valencia fíxoo na Politécnica de Madrid e Francisco Javier Martín Campo na Rey Juan Carlos. As teses son produto do interese de empresas como FerroAtlántica I+D, GMV Aerospace and Defence S.A e Lignitos de Meirama.

Fonte: http://xornal.usc.es