Oficina CEER
 26-08-2011
COMEZAN AS ACCIÓNS FORMATIVAS DO PROXECTO EUROPEO MIGRANET

A Estación de Hidrobioloxía “Encoro do Con” formará a investigadores de Galicia, Francia e Portugal na mostraxe de peixes migradores.

A Estación de Hidrobioloxía “Encoro do Con” (EHEC) acollerá do 29 de agosto ao 2 de setembro o curso “Os métodos de mostraxe de especies diádromas empregados en Galicia” dando así comezo ás accións formativas previstas no marco do proxecto MIGRANET. O curso, que será impartido por persoal vinculado á EHEC, está dirixido aos grupos de traballo do proxecto, integrados por persoal de diversas entidades de Galicia, Francia e Portugal.

Así mesmo, a Estación de Hidrobioloxía “Encoro do Con” celebrará entre outubro e novembro unha segunda sesión deste curso enfocada ao perfeccionamento de coñecementos na mostraxe de macrozoobentos (invertebrados) e Diatomeas (microalgas). Outras accións formativas previstas polo proxecto son a celebración, durante o próximo mes de setembro, dun curso en Francia organizado polo Institut National de la Recherche Agronomique (INRA) e outro en Portugal dirixido polo Centro Interdisciplinario de Investigaçao Marinha e Ambiental da Universidade do Porto (CIIMAR).

O proxecto MIGRANET, cofinanciado polo programa Interreg IV B - SUDOE a través de fondos FEDER da Unión Europea, está liderado pola Estación de Hidrobioloxía ‘Encoro do Con’ da USC que dirixe o profesor Fernando Cobo Gradín. O seu obxectivo central é configurar unha estratexia de cooperación conxunta na obtención de datos sobre peixes migradores que permita coñecer o estado de conservación das súas poboacións, as presións existentes que actúan sobre estas e prever futuros escenarios de cambio ante as alteracións climáticas e non climáticas no espazo do sudoeste europeo.

Ademais das entidades xa mencionadas, tamén participan en MIGRANET a Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia - Norte de Portugal, e como asociado o Aquamuseu do río Minho de la Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira. Para máis información sobre os cursos e os seus contidos, así como sobre as actividades e resultados do proxecto pódese consultar a páxina web: http://www.migranet.org.es.