Oficina CEER
 01-09-2011
ATOPAN NOVAS EVIDENCIAS DE ARTE MOBLE E INDUSTRIA ÓSEA EN COVA EIRÓS

A nova campaña de escavación en Cova Eirós (Triacastela, Lugo) levada a cabo polo Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste da USC (GEPN), xunto cun equipo do Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social de Tarragona (IPHES), achegan novos datos sobre os modos de vida dos Homo sapiens e o Neandertal que habitaron no Noroeste peninsular. Ditas intervencións contan co apoio do Ministerio de Ciencia e Innovación e do Concello de Triacastela. O catedrático Ramón Fábregas é o director do GEPN e do proxecto de investigación, mentres que o investigador Arturo de Lombera se encarga da escavación de Cova Eirós.

Entre os achados deste ano, destaca a aparición de industria ósea nos niveis do Paleolítico superior, nomeadamente a presenza dunha azagaia decorada. Trátase dunha punta de proxectil duns 12 cm de lonxitude, realizada sobre un óso largo de animal. A decoración consiste nun motivo xeométrico de tres trazos paralelos en zigzag en ambas as dúas caras.

Aínda que útiles de similares características foron recuperados tamén na Cova da Valiña de Castroverde e na cova de Valdavara de Becerreá, esta é a peza máis completa e decorada do Paleolítico superior de Galicia. Esta novo artefacto decorado é unha mostra máis, xunto co colgante atopado na mesma cova, de arte moble das sociedades de cazadores do Paleolítico superior, reincidindo na importancia que as representacións artísticas e o sentido estético tiñan para os Homo sapiens.

Por outra banda, nos niveis do Paleolítico medio, de cando a cova era habitada polos Neandertais, foron recuperadas numerosas ferramentas líticas en seixo e cuarcita. Entre elas, destaca unha punta Levallois en seixo que amosa a grande pericia destes homínidos dada a complexidade deste método de talla e a mala aptitude e control para a talla do seixo.

Cova Eirós consolídase como un xacemento de referencia no norte peninsular para estudar as similitudes e diferenzas entre dúas especies de homínidos (Homo neanderthalensis e Homo sapiens) nun mesmo contorno e xacemento. Nos niveis do Paleolítico superior, amais das diferenzas na súa tecnoloxía, a xeneralización da industria ósea, é dicir, ferramentas feitas aproveitando os ósos e hastas dos animais que cazaban, e da arte (colgantes, útiles decorados,...), indican unha maior complexidade de carácter cognitivo con respecto aos Neandertais.

Fonte:http://xornal.usc.es