Oficina CEER
 02-07-2007
Investigadores do GIS-T IDEGA presentan o proxecto SINDUR e os portais Infobrion e Fundación CEER en Lisboa, Tallin e Helsinki

No mes de xullo de 2007, investigadores do GIS-T IDEGA presentan o proxecto Infobrion en Portugal, Estonia e Finlandia coincidindo coa celebración de dous congresos de sona internacional en cuestións relacionadas coa Sociedade da Información e coas novas tecnoloxías da información e a comunicación.

O Grupo de Investigación Socio-Territorial (GIS-T) forma parte do Instituto Universitario de Estudios e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da Universidade de Santiago de Compostela. É un grupo interdisciplinar no campo das Ciencias Sociais, asociado ó Departamento de Xeogrfía, no que traballan de forma complementaria e coordinada profesionais de diferentes áreas científicas: xeógrafos, economistas, traballadores sociais, sociólogos, arquitectos-urbanistas e especialistas en comunicación. O director do GIS-T IDEGA é o profesor Carlos Ferrás e os principais investigadores do grupo son Carlos Macía, Francisco Armas e Yolanda García.

O primeiro dos eventos terá lugar en Lisboa, na primeira semana de xullo. A capital lusitana organiza este ano a prestixiosa IADIS International Conference 2007 (International Association for Development of the Information Society). Este evento anual reúne ós principais investigadores mundiais en cuestións de desenvolvemento na Sociedade da Información. Cidades como Dublín, Ávila ou Qwara (Malta) acolleron outros anos esta iniciativa internacional, en reunións moi recoñecidas que congregaron a miles de congresistas.

A temática do congreso é moi atractiva, e tamén moi extensa. Trátanse, por exemplo, cuestións sobre a administración, a saúde, a ensinanza e o comercio electrónicos. Tamén teñen cabida os sistemas de información e xestión electrónicos, facendo un chamamento especial á necesidade de profundizar no estudio e na presentación de casos reais relacionados coa posta en funcionamento de comunidades virtuais. Neste punto en concreto, o GIS-T IDEGA presenta a comunicación “Infobrion.com: the creation of a virtual community in a rural environment by digitalizing local education and culture”, dando a coñecer o proceso que fixo posible o nacemento e a continuidade de www.infobrion.com dende o ano 2003, así como explicando a estructura e os contidos recollidos na páxina.

Por outra banda, o proxecto Infobrion tamén vai ser presentado en Tallin e Helsinky, baixo o título “Infobrion.com: the creation of a virtual, multimedia and interactive community in a rural and peripheral environment of Atlantic Europe”, coincidindo coa celebración do congreso Digital Communities 2007, unha reunión organizada pola UGI (Unión Xeográfica Internacional) baixo a dirección de Mark Wilson (Michigan State University) e Aharon Kellerman (Haifa University), dous profesores consagrados na xeografía da Sociedade da Información.

Enlaces de interese:

www.fceer.org

http://www.esociety-conf.org/

http://www.msu.edu/user/wilsonmm/DC2007.html