Oficina CEER
 05-09-2011
DUAS ALUMNAS DO CAMPUS DE PONTEVEDRA ENTRE A ELITE DA CREATIVIDADE DE ESPAÑA

Ángela Búa e Reyes Rodríguez situadas entre os 30 mellores estudantes polo Club de Creativos. As alumnas realizarán en outubro un tour polas principais axencias de Madrid e Barcelona.

Lograron o recoñecemento de atoparse entre os 30 estudantes máis creativos de España. Son Ángela Búa Lafuente e Reyes Rodríguez Maquieira, estudantes do Máster en Dirección de arte en publicidade, que foron quen de conseguir un impensable, un tour polas principais e máis prestixiosas axencias de publicidade de Madrid e de Barcelona tras gañar o concurso Versus 2011, organizado polo Club de Creativos. As dúas premiadas séntense moi satisfeitas polos resultados conseguidos, traducíndose nun inmellorable primeiro paso para comezar a nosa carreira profesional no mundo da publicidade e do deseño, comentan as alumnas.

Os seus proxectos publicitarios foron seleccionados entre máis de 130 propostas por un xurado composto por membros e socios do Club de Creativos, unha organización sen ánimo de lucro que traballa para mellorar a calidade do traballo creativo en España e a procura da unión entre profesionais do sector. O concurso, no que estiveron representadas 14 universidades españolas, consistía na creación dunha campaña de comunicación para a marca The Music Collection, a liña de moda de Los 40 principales deseñada por U de Adolfo Domínguez.

Os premiados comezarán o próximo mes de outubro unha rolda de visitas por seis axencias de publicidade de Madrid e Barcelona, polas que irán creando unha carpeta de traballo en colaboración cos principais creativos do país, tendo a posibilidade de realizar dous meses de training nunha das empresas a partir de xaneiro de 2012.

Contactos e un bo currículo
Clasificarse entre os 30 mellores estudantes creativos de España supón para Ángela Búa e Reyes Rodríguez a oportunidade de coñecer de preto e aprender dos mellores profesionais do sector, ademais de poder ensinarlles o meu traballo, que mo valoren e me aconsellen, engade Rodríguez. Animan a todos os seus compañeiros a participar neste tipo de concursos porque doutro xeito é imposible chegar ata tan lonxe saíndo aínda onte da facultade. Para sacar máximo proveito da experiencia, as dúas alumnas atópanse preparando a fondo o seu currículo e o portfolio profesional para amosar por cada unha das axencias e a ver se hai sorte, comentan. A pesar da situación actual, a esperanza non a perden, pois como aclara Reyes Rodríguez algúns dos gañadores de edicións pasadas están a traballar nas axencias nas que fixeron o tour ou as prácticas.

Moda e música
Debido á orixe da marca The Music Collection, as dúas alumnas mesturaron a temática de moda e música nas súas propostas publicitarias. Mentres que Ángela Búa optou por unha cuña radiofónica de 35 segundos e o deseño dun advergaming (un xogo promocional), coa creación dunha banda musical ficticia baixo o eslogan Encuentra la pieza que te falta, Reyes Rodríguez formulou, ademais dun anuncio para radio, unha aplicación para Facebook para crear combinacións coa roupa da colección publicitada co lema La música te inspira, a nosotros también. O segredo para ser creativo, divertirse co que estás a facer para que os resultados sexan bos, conclúe Ángela Búa.

Fonte: www.duvi.uvigo.es