Oficina CEER
 06-09-2011
O CITIUS ORGANIZA O PRIMEIRO SEMINARIO DOUTORAL DO FORO PARA O AVANCE E A TRANSFERENCIA DA INTELIXENCIA COMPUTACIONAL APLICADA (ATICA).

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información da USC (Citius) desenvolve esta semana na Escola Técnica Superior de Enxeñaría o primeiro seminario doutoral para o Avance e a Transferencia da Intelixencia Computacional (SEMÁTICA 2011) do Foro ÁTICA. Entre os relatores figuran algúns dos maiores expertos de España na materia.

SEMÁTICA 2011 propón un formato innovador para ofrecer aos asistentes, principalmente estudantes de doutoramento de grupos españois, unha visión actual desta disciplina tanto no mundo da investigación como no da empresa. Así, participarán en diversas conferencias orientadas a mellorar as competencias necesarias para a valorización da formación científica en ámbitos tan diferentes como a comunicación e divulgación científica, o emprendemento ou a transferencia de resultados. Ademais, están previstos talleres enfocados á formación de tipo práctico en ámbitos como a robótica ou a presentación de proxectos.

Relatores de primeira orde
Entre o claustro de relatores figuran destacados expertos como Ulises Cortés, da Universidade Politécnica de Catalunya, que explicará a aplicación de Machine Learning para a E-Salud; o ex reitor da Universidade de Santiago e actual presidente de la RedEmprendia, Senén Barro, que falará de emprendemento; ou o profesor Jorge Mira, que axudará a entender a importancia da divulgación científica para a súa valorización social.

Do mundo da empresa participarán representantes de Ericsson Research, Nuubo, Strands Labs, Aisoy e Igalia, quedando claro deste xeito a importancia que á transferencia da investigación ao tecido produtivo lle conceden os organizadores e a propia Rede ÁTICA na que participan 39 grupos de investigación.

SEMATICA 2011 enmárcase dentro das actividades de formación investigadora do CITIUS que buscan o fomento da investigación e innovación do máis alto impacto dentro do ámbito das Tecnoloxías da Información na Universidade de Santiago.

Fonte: www.xornal.usc.es