Oficina CEER
 07-09-2011
DOUS RADARES DE ALTA FRECUENCIA VIXÍAN CADA MOVEMENTO DA RÍA DE VIGO

Medidas da corrente superficial na ría, en tempo real e cunha resolución espacial duns 300 metros. Iso é o que son capaces de medir os dous radares de alta frecuencia que o Grupo de Oceanografía Física da Universidade de Vigo, Gofuvi, instalou fai xa un ano, un sistema pioneiro en España que emprega por primeira vez este tipo de resolución e capaz de medir correntes a escala na ría de Vigo. Unha ferramenta de gran potencial para a xestión sostible do litoral que reforza de xeito significativo a capacidade de observación oceanográfica ao debuxar mapas que non só determinan as traxectorias de posibles flotantes, senón que, en combinación con modelos e datos meteorolóxicos, son extremadamente relevantes para o prognóstico e a comprensión dos procesos costeiros, explica José González, membro de Gofuvi.

Instalados nas dependencias da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla e no faro de Punta Subrido, ao outro lado da ría, tras un ano de probas agora o sistema atópase funcionando a pleno rendemento. Durante este tempo leváronse a cabo diferentes operacións de calibrado e validación dos datos recollidos, información que a partir deste momento procesará a doutora Silvia Piedracoba, que sacará as primeiras conclusión en firme desta iniciativa traballando na unidade asociada entre o Grupo de Oceanoloxía do Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC) e Gofuvi e tras dous anos formándose en Estados Unidos. A colocación de ambos radares é estratéxica, xa que permite cubrir o tercio exterior da ría, caracterizando así as correntes de entrada e saída, recalca José González, quen destaca o esforzo dos investigadores Gabriel Rosón e Ramiro Varela na posta en marcha tanto do sistema como dos proxectos asociados.

A información a golpe de rato
Nunha rexión económica e socialmente tan vencellada ao mar como o entorno da Ría de Vigo, o interese que esperta estes radares de alta frecuencia non se limita ao ámbito científico, senón que converte o sistema nunha ferramenta de gran potencial para a xestión sostible do litoral. Os datos, de carácter público e distribuídos en tempo real a través de Internet, poden ser empregados tanto para o seguimento e planificación de actividades portuarias como os dragados, como para obras de enxeñería de costas, xestión de ecosistemas mariños e pesquerías, para sistemas de navegación profesional e recreativa, para operacións de salvamento marítimo ou para a xestión de crises como poden ser as orixinadas por verquidos no medio mariño. A través da páxina web pódese consultar o mapa de correntes xerado polo sistema, que se actualiza cada 30 minutos, polo que o usuario pode coñecer a dirección e intensidade da corrente en tempo real.

Meteogalicia ou Puertos del Estado, interesados
O interese polos datos xerados polos dous radares de alta frecuencia quedan patentes na cantidade de proxectos que o Grupo de Oceanografía Física está a levar a cabo. Ademais dos distintos traballos de investigación nos que participa Silvia Piedracoba como responsable dos aparellos para aplicar os datos obtidos a varios ámbitos, Gofuvi colabora no proxecto Morada, unha iniciativa cun ano de vida que ten como obxectivo principal estudar cunha alta resolución espacio-temporal as correntes superficiais e a ondanada do sistema de afloramento da ría viguesa mediante a tecnoloxía HF Radar. Un sistema que tamén se incorporará ao proxecto Reimage, pertencente aos Proxectos de Investigación Fundamental Non Orientada 2011 e que será de vital importancia para a validación dos procesos hidrodinámicos que se xerarán. Pero, ademais do interesa amosado por institucións públicas como Puertos del Estado ou Meteogalicia, segundo os estudos realizados polo proxecto europeo Raia, os datos obtidos serían de gran relevancia para as empresas relacionadas coa xestión do litoral.

Fonte:www.duvi.uvigo.es