Oficina CEER
 09-09-2011
INVESTIGAN O COMPORTAMENTO DAS MITOCONDRIAS NA XÉNESE DO PROCESO CANCERÍXENO

Investigadores do Laboratorio de Oncoloxía Molecular MOL están a desenvolver hipóteses de traballo que relacionan o comportamento das mitocondrias e a orixe do proceso canceríxeno. As mitocondrias son as encargadas de subministrar a maioría da enerxía ás células, sendo posuidoras de información xenética propia (ADN mitocondrial – ADNmt), diferente da que se atopa no núcleo da célula. De feito, o ADNmt ten un tamaño de máis de 16.000 pares de bases, compoñentes da información xenética, fronte aos tres mil millóns do ADN nuclear.

Á vista dos traballos desenvolvidos ata o momento, o equipo de Costoya Puente sinala que aquelas terapias que se dirixan á actividade mitocondrial das células tumorais poderían axudar ao manexo desta patoloxía. O traballo acaba de ser publicado pola revista PLoS ONE co título The mitochondrial genome is a genetic sanctuary during the oncogenic process, asinada por Marcos Seoane e José A. Costoya, do MOL; Ana Mosquera-Miguel, da Unidade de Xenética do Instituto de Medicina Legal da USC; Teresa González, da Fundación Galega de Medicina Xenómica; e Máximo Fraga e Antonio Salas, do Departamento de Anatomía Patolóxica e Ciencias Forenses da USC.

Os primeiros resultados colectados polo grupo que coordina Costoya Puente indican que, durante un proceso tumoral, a célula mantén ao xenoma mitocondrial como un santuario xenético. As alteracións asócianse a un aumento no número de mutacións do ADN pero mantendo a integridade do xenoma mitocondrial. Esta resposta deberíase, segundo os investigadores, a función esencial do ADNmt no control da resposta de supervivencia da célula tumoral ao propio estrés que esta sofre ao longo da súa transformación, e asociado a unha maior demanda de enerxía e á xeración de multitude de produtos tóxicos para a propia célula.

Ata o momento, engaden os investigadores, existen moi poucas ou case ningunha evidencia que indique que a existencia de mutacións no ADNmt está directamente relacionada co inicio do proceso tumoral.

Fonte: www.xornal.usc.es