Oficina CEER
 13-09-2011
INVESTIGADORES DE AtlantTIC PARTICIPAN NUN PROXECTO EUROPEO PARA REALIZAR ANÁLISES FORENSES DE IMAXES E SONS

O problema da fraude en imaxes non é novo e na historia hai múltiples exemplos de imaxes que foron manipuladas a gusto e conveniencia de quen nese intre ostentaba o poder. Na actualidade coa rápida proliferación dos dispositivos de almacenamento os obxectos multimedia, ben sexan imaxes fixas, vídeos ou sons, poden ser facilmente creados e adulterados por calquera persoa. Neste complexo contexto a Unión Europea acaba de pór en marcha o proxecto Rewind (Reverse engineering of audio-visual content data) no que investigadores do centro de investigación AtlantTIC, xunto a outros catro socios europeos, tratarán de crear un conxunto completo de novos modelos matemáticos e técnicas que detecten de xeito automático se un obxecto multimedia foi manipulado e que tipo de manipulacións sufriu.

Hoxe en día é xa moi complicado decidir se unha imaxe ou un son é real ou sintetizado por ordenador, explica o catedrático Fernando Pérez, investigador principal do grupo de Procesado do Sinal en Comunicacións do que forman parte máis de vinte investigadores con ampla experiencia en procesado de imaxes e de sinais e tamén cunha forte base matemática. Agora a consecución do proxecto, de tres anos de duración e 300.000 euros de financiamento, permitiralles contratar a algún investigador máis, o que non é pouco nos tempos que corren, subliña Pérez, quen tamén explica que haberá cinco ou seis investigadores que se dedicarán case en exclusiva a esta tarefa.

Seleccionado entre máis de 200 propostas chegadas de toda Europa
Este traballo forma parte dun selecto grupo de oito proxectos de investigación que foron elixidos entre máis de 200 propostas procedentes de toda Europa. Nunha primeira fase seleccionáronse 50 pero finalmente só se aprobaron oito, polo que nos podemos facer unha idea do grao de esixencia do que estamos a falar, explica o profesor vigués, que na actualidade se atopa en Novo México, onde dirixe a Cátedra Príncipe de Asturias de Ciencia e Tecnoloxía da Información e as Comunicacións, cargo que compatibiliza coa docencia e investigación na EE de Telecomunicación e coa dirección de Gradiant, Centro Tecnolóxico das Telecomunicacións de Galicia. Afortunadamente as novas tecnoloxías fan isto posible, apunta restándolle importancia ao feito de ter que trasladarse cada ano a Estados Unidos dende agosto ata xaneiro.

Rewind encádrase no VII Programa Marco e, máis concretamente, na convocatoria Open-FET, un programa específico dirixido a seguir avanzando nas tecnoloxías emerxentes do futuro con vistas a medio prazo, tal e como subliña Pérez, que insiste en que este tipo de proxectos non están destinados a resolver un problema de mañá, senón de aquilo que ten un percorrido máis longo, algo que relaciona co feito de que non participan empresas, xa que se sobreentende que non vai haber unha translación directa ao mercado dos avances que poidan acadarse.

Vigo participa no proxecto como socio doutras reputadas institucións europeas: o Imperial College de Londres, a Universidade Politécnica de Milán, as universidades de Siena e Florencia e o instituto alemán Fraunhofer, un centro especializado no campo da comunicación dixital. En total falamos de arredor de 45 investigadores altamente especializados que van formar parte do proxecto, aínda que non sexa a tempo completo, explica Pérez.

Aplicacións desta ferramenta forense
As posibles aplicacións desta tecnoloxía do futuro son múltiples, dada a importancia de frear os casos de fraude en múltiples ámbitos, só hai que pensar na importancia desta ferramenta para as aseguradoras, pero tamén no eido policial, da comunicación.... É unha ferramenta forense, no máis estrito senso da palabra, subliña o coordinador en Vigo do proxecto, en referencia a que, por exemplo, se pode empregar nun xuízo para achegar probas en un determinado sentido, algo que ten moito valor, sobre todo se es capaz de facelo automaticamente, xa que elimina subxectividade e, ao tempo, permíteche procesar moitísimas máis imaxes.

Desde o grupo vigués destacan que hoxe en día este traballo ou ben se fai a ollo, algo moi pouco práctico e fiable, ou ben a través do deseño de ferramentas ad hoc para cada caso, algo que resulta pouco útil ao tempo que caro. Na actualidade hai expertos forenses que son capaces de decidir se unha imaxe foi ou non manipulada, pero o que nós tratamos con este proxecto é de empregar ferramentas que de xeito automático se fixen en aspectos que son invisibles para o ollo ou o oído pero que están aí e que che permiten pescudar cousas, engade.

Fonte: www.duvi.uvigo.es