Oficina CEER
 15-09-2011
NOVOS ARTISTAS EXPERIMENTAN COA PINTURA NA PROCURA DA SÚA IDENTIDADE.

Na exposición Pruebas de estado y color protagonizada por alumnado da Facultade de Belas Artes. Estará aberta ata o vindeiro 30 de outubro na Galería Bacelos de Vigo.

Probar e ensaiar para encontrar o camiño final que defina ao artista para o resto da súa vida profesional. Esta é a filosofía de traballo que defenden as novas promesas da Facultade de Belas Artes, Sabrina Fernández, Diego Machargo, Laura Estévez e Hugo López , na exposición colectiva Pruebas de Estado y Color na Galería Bacelos de Vigo. Os autores, que roldan entre os 21 e os 25 anos, atrévense a mostrar as súas probas de estado, os ensaios que van facendo para chegar á imaxe final de si mesmos, á definitiva, explica María Peña Lombao, comisaria da mostra.

Esta exposición axuda ás novas xeracións a encontrar o seu sitio como artistas a través da experimentación e do ensaio, de aí o título Pruebas de ensayo y color. Como aclara a comisaria, a mostra tenta recoller o estado previo á obra final, todas as probas que os artistas fan con anterioridade á estampa definitiva. A adolescencia e a motivación son características intrínsecas a estas primeiras obras nas que hai elementos que non encaixan e os autores compórtanse como detectives que lle dan voltas a un caso no que hai algo que non coincide, puntualiza Lombao. Experimentan coa arte contemporánea, trazan, ensaian, proban, estudan, pero non acaban as imaxes, pois un dos valores deste tipo de arte é o escaso interese pola imaxe final, o que deriva nunha continua creación que sempre pode ser de outra maneira.

O pincel como inspiración única
Sabrina Fernández, Diego Machargo, Laura Estévez e Hugo López son catro personalidades diferentes pero que recorren á pintura para buscar o seu propio estilo. Estamos ante un conxunto de obras que son pequenos estudos para chegar a un punto final que nestes momentos xa teñen definido. Trátanse de novas promesas que buscan a inspiración soamente a través do pincel, lonxe da influencia das novas tecnoloxías, sen interferencias do vídeo ou da fotografía, algo moi difícil de atopar nestes momentos, aclara a comisaria. As súas obras, que se moven entre a figuración e o abstracto, caracterízanse pola súa frescura e pola súa pureza conceptual.

Oportunidade para darse a coñecer
Este tipo de mostras tradúcense nunha excelente oportunidade para que amosen o que son quen de chegar a ser. Na súa maioría son estudantes recentemente titulados que se queren dedicar por completo á arte e o único que precisan é tempo para chegar á súa consolidación como artistas, polo que resulta imprescindible a exposición pública dos seus traballos, experimentando un primeiro achegamento ao mercado da arte, ademais de coñecer como reacciona a crítica ante as súas creacións e propostas.

No acto de inauguración os catro alumnos e alumnas estiveron arroupados pola vicerreitora do campus de Pontevedra, Antonia Blanco, polo vicerreitor de Alumnado, Docencia e Calidade, Ignacio Barcia e polo seu decano, Juan Carlos Meana. A mostra poderase visitar na Galería Bacelos de Vigo ata o vindeiro 30 de outubro de 2011 en horario de 9:30 a 13:30 horas pola mañá e pola tarde de 16:30 a 20:30 horas de luns a venres.

Fonte:www.duvi.vigo.es