Oficina CEER
 15-09-2011
CONSTITÚESE FORMALMENTE A REDE LUCENSE DE VOLUNTARIADO

Este mércores quedou constituída formalmente a Rede Lucense de Voluntariado, unha estrutura integrada por dez entidades da cidade para fortalecer a coordinación no campo da acción voluntaria. Para tal fin, a Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do Campus acolleu o acto de sinatura do protocolo de colaboración.

Participaron nesta xuntanza constitutiva, xunto co reitor da USC, Juan Casares, representantes das entidades e organizacións participantes. Así, asinaron a presidenta de Aspnais, María Concepción Teijeiro; a presidenta da Asociación Xuvenil Ateibo, Paula Opazo; o presidente de Auxilia Lugo, Manuel Ignacio Piñeiro; o director de Cáritas Diocesana de Lugo, Ginés Fernando Plaza; o presidente da Federación de Asociacións de Persoas con Discapacidade (Cogami) Lugo, José Luis Lolo; a presidenta da Asociación Síndrome de Down Lugo, Mª José Blanco; o coordinador Provincial da Fundación Secretariado Xitano, Manuel Requejo; a presidenta da Asociación Valponasca, María Paloma Redondo; e o xerente da Fundación JuanSoñador, Jesús Hernández.

Casares identificou esta constitución co compromiso das asociacións participantes polo ben colectivo, así como a expresión da función universitaria de ofrecer respostas ás demandas sociais contribuíndo á creación de valores e ao desenvolvemento dunha sociedade solidaria.

A rede, que abre as portas a outras organizacións voluntarias que desexen formar parte dela, é o resultado dun frutífero traballo levado a cabo de maneira coordinada desde o ano 2007 co apoio institucional do Concello de Lugo, a Deputación Provincial e a Xunta de Galicia. Nestes anos desenvolveron un amplo abano de actividades entre as que compre destacar exposicións, concertos, mesas redondas, panel de experiencias, performances e teatro na rúa.

Trátase, en suma, de coordinar ás entidades que realizan actividades de acción voluntaria en Lugo para que se impliquen na denuncia e en propostas de cambio social en beneficio dos colectivos máis desfavorecidos.

Fonte: www.xornal.usc.es