Oficina CEER
 05-07-2007
A matrícula na USC permanecerá aberta ata o 19 de outubro para os estudantes que inician estudos en titulacións sen límite de prazas

O prazo de matrícula para os estudantes que iniciarán estudos na Universidade de Santiago o vindeiro curso académico permanece aberto ata o día 19 de outubro nas titulacións sen límite de prazas, agás o mes de agosto no caso da matrícula presencial. Nas carreiras con límite o primeiro prazo de matrícula desenvolverase entre os días 18 e 20 de xullo mentres que o segundo será os días 24, 26 e 27 do mesmo mes. Os seguintes prazos desenvolveranse ao longo dos meses de setembro e outubro. A información relativa á oferta docente e ao proceso de matrícula na USC para 2007-2008 foi presentada esta mañá no Colexio de Fonseca polo reitor da USC, Senén Barro, nun acto no que tamén estiveron presentes a secretaria xeral, Isabel García-Rodeja; a xefa do Servizo de Xestión da Oferta e Programación Académica, Josefa recalde; e o xefe do Servizo de Xestión Académica, Ramón García.

Como en cursos pasados, os estudantes poderán formalizar a matrícula de modo presencial nas Unidades de Xestión Académica (UXAs) que lle correspondan en función da titulación elixida, por correo certificado postal, ou por Internet na páxina http://www.usc.es/matricula. Respecto desta última modalidade e á vista da experiencia de cursos pasados, cabe salientar que se trata dunha vía cada vez máis empregada polos estudantes na medida en que evita as esperas e o desprazamento dos futuros universitarios ás Unidades de Xestión Académica. Ademais, a formalización da matrícula de xeito telemático non precisa de coñecementos previos de informática e representa unha vía sinxela e segura para formalizar a matrícula.

Como novidade para este curso, entre todos os estudantes de 1º e 2º Ciclo que empreguen Internet para formalizar este proceso sortearanse ordenadores portátiles, viaxes por Europa, teléfonos móbiles de última xeración, billetes Interrail global 10 días flexi, billetes de avión para o traxecto Santiago-Sublín con Air Lingus e devolucións de taxas de matrícula ata un máximo de 600 euros por estudante.

Matrícula de continuación de estudos No caso de continuación de estudos na USC, os estudantes que teñan superadas todas as materias en xullo poderán formalizar a súa matrícula ata o 19 de outubro, dende o día 1 de agosto por medio de Internet ou dende o 3 de setembro na modalidade presencial ou por correo postal. Os que teñan materias pendentes para setembro disporán dun prazo único do 3 ao 19 de outubro, con independencia de que o fagan de xeito presencial ou telemático.

Matrícula no 2º Ciclo

Polo que se refire ás titulacións de segundo ciclo, no caso das carreiras con límite de prazas as solicitudes para a primeira convocatoria deberán formalizarse do 16 de xullo ao 4 de setembro, cunha segunda convocatoria do 2 ao 9 de outubro e unha terceira do 10 ao 14 de marzo de 2008. A matrícula nestes casos formalizarase do 19 ao 21 de setembro en primeira convocatoria e do 26 ao 28 de setembro en segunda. No segundo cuadrimestre, a matrícula será do 24 e 28 de marzo. Nos 2º Ciclos sen límite o período de matrícula estenderase do 3 ao 19 de outubro, e no 2º cuadrimestre do 12 de xaneiro ao 30 de marzo.

Oferta docente

Os estudantes interesados en cursar estudos na USC poderán elixir entre 63 carreiras pertencentes ás cinco grandes áreas de coñecemento. Así, en Ciencias da Saúde ofértanse seis titulacións, catro en Santiago e dous en Lugo; en Ciencias Experimentais sete, das que cinco se cursan no Campus de Compostela e dous no lugués; a oferta en Ciencias Xurídicas e Sociais ascende a vinte e tres, dezaseis titulacións en Santiago e sete en Lugo; en Ensinanzas Técnicas outras doce carreiras, dous en Compostela e dez na cidade da muralla; e, finalmente, en Humanidades quince, trece en Santiago e dous en Lugo.

A esta oferta oficial súmanse tres titulacións propias, dúas de 1º Ciclo, o Graduado en Ciencias Criminolóxicas e da Seguridade Pública e o Diploma en Xestión de Empresas Hostaleiras, e unha de 2º Ciclo, o Gran Diploma de Xestión e Dirección de Empresas Hostaleiras.

No presente curso académico, a de Santiago foi a universidade elixida pola metade dos máis de 260 alumnos que obtiveron nas probas de Selectividade unha nota superior a nove. Neste senso, o reitor compostelán manifestou que para o vindeiro período académico a institución docente agarda contar nas súas aulas cunha proporción similar dos 335 alumnos que este ano superaron as probas de acceso á universidade cunha cualificación de nove ou máis.

Bolsas para os clasificados nas Olimpíadas Na presentación desta mañá Senén Barro lembrou tamén que en cursos pasados formalizaron a súa matrícula na USC unha ampla porcentaxe de estudantes procedentes das Olimpíadas de Matemáticas, Física, Química e Bioloxía. Os que se matriculen este ano por primeira vez poderán optar a bolsas de diversa contía. Así, para os clasificados nas primeiras posicións da fase nacional outorgaranse bolsas de 600 euros, 400 euros para os que ocuparon os segundos postos e de 300 euros para os premiados en cada fase local ou autonómica.

O número de matriculados por primeira vez mantense No curso que agora está a piques de rematar, o número de matriculados por primeira vez creceu lixeiramente con respecto ao anterior período docente, o que en opinión do reitor permite falar dunha estabilización neste eido. Mentres que en 2005-2006 os matriculados por primeira vez ascendía a 5.486 un ano despois esta cifra aumentaba ata os 5.526.

Segundo se puxo de manifesto na rolda de prensa, as previsións indican que o número dos que comezan a súa etapa universitaria en titulacións de 1º ou 2º Ciclo o vindeiro curso será similar ao do presente ano, manténdose a iniciada tendencia á alza. Pola contra será previsible un lixeiro descenso no total de estudantes destas titulacións. Neste senso, no curso que remata, a matrícula ascendeu a 29.850 estudantes, dos que 6.279 cursaron estudos en Lugo.

Aposta polas tecnoloxías

Como xa vén sendo habitual nos pasados cursos, a Universidade de Santiago de Compostela segue apostando decididamente polo uso das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións, tratando de achegarse cada vez máis aos usuarios dos servizos que presta e contribuíndo ao desenvolvemento sostible, co que está comprometida. Neste senso, tres aulas informáticas estarán á disposición dos estudantes para realizar a súa matrícula, dúas en Santiago, na biblioteca Concepción Arenal e na Facultade de Filoloxía, e unha en Lugo na Escola Politécnica Superior.

Todos os estudantes, incluídos os de primeiro curso, poden facer os trámites de matriculación por internet e se desexan facer modificacións da súa matrícula nos prazos correspondentes só poderán facelo a través da rede.

Por outra banda, a USC amplía o vindeiro curso as exencións de prezos públicos estendéndose ás persoas cun grao de minusvalía igual ou superior ao 33 por cento e ás vítimas de actos terroristas ou de violencia de xénero.