Oficina CEER
 16-09-2011
ATÓPASE EN PREPARACIÓN O II TROFEO INTERUNIVERSITARIO EURORREXIONAL.

Un ano despois do I Trofeo Interuniversitario Eurorrexional en Barcos Dragón (http://fceer.org/regata), comezan os preparativos para unha segunda edición, que continúe funcionando coma unha nova ponte nas relación entre as comunidades Universitarias de ambos lados do Río Miño.

A competición, que se celebrará en augas do río Miño, na Eurocidade Valença-Tui, o día 1 de outubro do 2011 ás 12:00 hora española, á altura do Centro Interfederado de Remo (http://www.twimbio.com/centro/centro_id=16978), contará con equipos masculinos, femininos e mixtos das 6 Universidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (A Coruña, Santiago, Vigo, Minho, Porto e Trás-os-Montes e Alto Douro). Os equipos competirán en barcos k4 en tres carreiras ao longo do río Miño, nas que se decidirán as Universidades vencedoras. O acontecemento será aberto ao público, e haberá durante todo o día celebracións e actividades lúdico-culturais, contando coa actuación das Tunas Universitarias, Grupos de Rock, Danza e Teatro nos Centros Históricos de Valença do Minho e Tui. O evento coincide este ano coa Festa do Bacalhau de Valença do Minho, polo que a gastronomía unirase a esta festa deportiva e cultural interuniversitaria.

Esta iniciativa, que parte da Fundación Centro de Estudios Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (http://fceer.org) é coorganizada pola Cámara Municipal de Valença do Minho e o Concello de Tui, e ten como obxectivo afianzar os lazos e fomentar a cooperación entre Universidades, así como promover a práctica regular da actividade física en toda a poboación, para a promoción da saúde e a socialización.

Pódese acceder as imaxes e vídeos do I Trofeo Interuniversitario na páxina:
http://fceer.org/regata/galeria/index.php?lg=gal