Oficina CEER
 19-09-2011
CLÁSICOS DO PENSAMENTO UNIVERSAL, DESIGNADA MELLOR COLECCIÓN NOS PREMIOS NACIONAIS DE EDICIÓN UNIVERSITARIA 2010

Clásicos do Pensamento Universal acaba de ser designada como a Mellor Colección nos Premios Nacionais de Edición Universitaria, galardón que sinala os dez mellores libros editados polas universidades españolas en 2010. Promovida dende 2002 pola Universidade de Santiago e a Fundación BBVA e deseñada, editada e producida integramente polo Servizo de Publicacións e a Imprenta Universitaria compostelá, a colección mereceu o galardón pola coidada edición e pola proxección social e valor cultural que supón verter as obras do pensamento universal á lingua galega.

Un xurado independente foio encargado de elixir aos gañadores. Juan José Moreno Navarro, director xeral de Política Universitaria do Ministerio de Educación; Francisco Moreno, director da Área Académica do Instituto Cervantes; Madalena Vinent, directora xeral de CEDRO; Branca Berasategui, directora de El cultural (El Mundo); Laura Revuelta, redactora xefe do ABC Cultural (ABC); Amelia Castilla, responsable de Babelia (El País); e Teresa Peces, directora da revista Delibros, foron os encargados de sinalar, entre 104 títulos, as obras gañadoras da XIV edición dos Premios Nacionais de Edición Universitaria.

Creada e dirixida dende os seus inicios polo profesor Darío Villanueva, a colección leva vertidas ao galego, ata o momento, un total de dezasete obras de Maquiavelo, Claude Bernard, von Neumann, Freud, Newton, Darwin, Platón, Aristóteles, Erasmo, Tomás Moro, Sapir, MacLuhan, Beccaria, Rousseau, Max Weber, Séneca e Lavoisier. A colección da USC acada esta importante distinción competindo con propostas das universidades de Zaragoza, Deusto, Politécnica de Catalunya, Sevilla, Jaume I, Salamanca, UNED, Huelva e CSIC.

En opinión do director do Servizo de Publicacións da USC, Juan L. Blanco Valdés, o galardón recoñece con toda xustiza un impecable labor editorial, a entrega de todo un equipo humano e profesional de natureza absolutamente universitaria e, sobre todo, unha achega histórica á cultura e ao idioma galego. Blanco Valdés salientou tamén o papel tanto da antiga directora de Publicacións, Marisa Melón, como peza clave no desenvolvemento da colección, como do profesor Darío Villlanueva, en canto director intelectual e científico do proxecto. O responsable de Publicacións tamén agradeceu o xeneroso mecenado e sensibilidade cultural da Fundación BBVA, representada no seu director, o profesor Rafael Pardo Avellaneda.

Fonte: www.xornal.usc.es