Oficina CEER
 20-09-2011
A DEPENDENCIA DO MAR UNE A VIGO COA CIDADE AUSTRALIANA DE WOLLONGONG

Máis de 16000 quilómetros separan Vigo de Wollongong, unha cidade situada na rexión australiana de Illawarra, sen embargo, son moitas cousas as que as unen: son localidades costeiras, rexionais e multiculturais. Iso foi o que explicou a profesora Merlinda Bobis durante un novo relatorio do ciclo de conferencias do Campus do Mar, que nesta ocasión acolleu a charla titulada Transnational Story making and dreaming latitude no que a tamén escritora e artista presentou algúns dos resultados do proxecto de investigación transnacional de escritura creativa que está a desenvolver coa profesora do departamento de Filoloxía Inglesa da Universidade de Vigo Belén Martín-Lucas, que exerceu de mestra de cerimonias. Ambas cidades están ao carón do mar cunha montaña ao lado, teñen moita dependencia dos recursos mariños e son localidades que reciben xentes de diversos países e zonas, o que as fai moito máis abertas. Cando a profesora Martín-Lucas me propuxo este proxecto non o dubidei, recoñece Bobis, profesora titular de Escritura Creativa na Universidade de Wollongong e autora de novelas, relatos, poesía e teatro.

Retransmitida en directo a través do CampusdoMar TV e celebrada no salón de graos da Facultade de Filoloxía e Tradución, Merlinda Bobis relatou como un equipo de escritores en Wollongong e outro en Vigo están a analizar a achega colaborativa como alternativa á rivalidade, que produce una excesiva preocupación sobre a diferenza e as negociacións sobre as fronteiras. Ademais, a través dunha metodoloxía de investigación dialóxica entre as artes creativas e a investigación académica, o proxecto no que colaboran ambas universidades explora a historia alternativa dun transnacionalismo dende a rexión.

Dispostos a subirse ao barco
Preguntada polo Campus do Mar, a profesora Bobis salientou que se trata dun proxecto fantástico e moi innovador. Trátase do primeiro campus do ámbito mariño que coñezo. Estou segura de que en canto se dea a coñecer este Campus de Excelencia en universidades como a miña serán moitos grupos os que se queiran unir ao proxecto.

A vindeira conferencia, en outubro
Merlinda Bobis, autora de orixe filipino inmigrante en Australia, compaxina o seu traballo na ensinanza coa investigación do imaxinario transnacional e as estratexias de localización do global na produción cultural. Ao longo da súa carreira ten recibido numerosos premios, como o Prix Italia de ficción radiofónica, o Premio Nacional de Literatura de Filipinas ou o Steele Rud á mellor colección de relatos de Australia, por onde leva anos xirando a súa obra dramática xunto con países como Filipinas, España, Francia, China, Tailandia e Eslovaquia. Agora o ciclo de conferencias do Campus do Mar continuará o vindeiro mes de outubro.

Fonte: www.duvi.vigo.es