Oficina CEER
 27-09-2011
A UNIVERSIDADE DE SANTIAGO AFIÁNZASE ENTRE AS UNIVERSIDADES ESPAÑOLAS CON MAIOR CAPACIDADE PARA XERAR COÑECEMENTO

A Facultade de Matemáticas da USC alcanza o primeiro posto do Ranking ISI na análise por campos científicos.

A Universidade de Santiago afianza a súa posición entre as universidades públicas e privadas españolas con maior capacidade para xerar coñecemento, segundo unha análise da investigación publicada nas revistas internacionais de maior impacto e visibilidade. Este é o obxecto de estudo do II Ranking ISI das Universidades Españolas segundo Campos e Disciplinas Científicas e segundo o que a USC se atopara entre as dez mellores universidades tanto no período 2001-2010 como no que se estende entre 2006 e 2010, espazos temporais analizados.

Nas listaxes elaboradas por investigadores das universidades de Granada e Navarra, a de Santiago repite o noveno posto ao analizar a produción científica por campos científicos nos períodos 2001-2010 e 2006-2010 e tamén ao referirse ás disciplinas científicas entre os anos 2006 e 2010, mentres que ao atender ás disciplinas científicas entre 2006 e 2010 ascende ata o sexto lugar. Este ranking se organiza por campos (12) e por primeira vez nesta nova edición por disciplinas científicas (19). Desta forma non se presenta por grandes ramas de coñecemento que, segundo os promotores do estudo, dilúen os distintos perfís de investigación que exhiben as universidades, de maneira que poida captarse mellor en qué especialidades son más activas e influentes.

Esta posición evidencia, en opinión do reitor Juan Casares, a actitude sempre a prol do avance do coñecemento que debe impulsar a unha institución como a USC, con orixes de máis de cinco séculos pero coas súas miras postas no futuro. Para o reitor o ranking é un motivo de satisfacción porque recoñece con boa nota o traballo de persoas capaces de facer máis con menos.

Matemáticas
Do total dos doce campos analizados, a USC colecta o mellor resultado en Matemáticas, eido no que se sitúa como a mellor universidade española no período 2006-2010. A investigación no terreo matemático alcanza a posición máis destacada dende o segundo lugar do caixón rexistrada na primeira edición da enquisa (cando se analizaba o período 2005-2009).

A decana deste centro compostelán, Mª Victoria Otero Espinar, vincula o resultado ao labor de anos de planificación e compromiso coa calidade, así como coa implicación dun cadro de persoal cunha marcada vontade de superación e de excelencia. Para Otero Espinar, esta posición de liderado é indicativa da excelente e consolidada situación da investigación matemática, máis no caso galego, como tamén así o revela que na facultade compostelá se atopan varios matemáticos cuxos artigos son dos máis citados no ámbito mundial.

Seguindo á investigación producida en Matemáticas, outro campo da USC ben situado é o das Ciencias Agrarias, pola influencia da labor investigadora desenvolvida maioritariamente no Campus de Lugo, onde a institución docente concentra unha punteira oferta docente arredor da Escola Politécnica Superior con titulacións como enxeñaría Agrónoma, de Montes, e outras catro especialidades de enxeñarías técnicas agrícolas, entre outras. Tamén alcanzan posicións de liderado as Ciencias Biolóxicas e Química e Enxeñaría Química no sétimo lugar ou Medicina e Farmacia no noveno.

Por disciplinas científicas no período 2001-2010, salientan os cartos postos de Farmacia e Toxicoloxía, Saúde Pública e Informática ou o quinto en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos. Outros eidos destacados son Agricultura, Xenética e Bioloxía Evolutiva, Ecoloxía e Ciencias Medioambientais, disciplinas nas que a USC se sitúa no sétimo posto, seguidas de Medicina, Química, Veterinaria e Gandería, Psicoloxía e Xeociencias, situadas no noveno posto.

O Ranking ISI
Este ranking nace como froito da colaboración dos membros dos grupos de investigación Evaluación de la Ciencia y la Comunicación Científica EC3 das Universidades de Granada e Navarra e Soft Computing and Intelligent Information Systems SCI2S da Universidade de Granada. Diferénciase doutros na súa organización por campos e disciplinas científicas e non por grandes ramas de coñecemento de maneira que poida captarse mellor en qué especialidades as universidades son máis activas e influentes.

Esta listaxe propón un método de ordenación que sintetiza seis indicadores bibliométricos de produción e impacto que miden os aspectos cualitativos e cuantitativos da produción científica das universidades españolas. No seu desenvolvemento emprega como fonte de información as bases de datos de Thomson-Reuters (antigo ISI) Web of Science e Journal Citation Reports. Estes produtos son una selección das mellores revistas de ámbito mundial e referencia básica das axencias de avaliación nacionais como CNEAI e ANECA.

O obxectivo principal é descubrir as fortalezas e debilidades do sistema universitario español de investigación en diferentes ámbitos do coñecemento, polo que é así un traballo de interese para os responsables da política científica e xestores da investigación vinculados ao mundo universitario. A consulta completa desta listaxe pode realizarse directamente no enderezo web http://www.rankinguniversidades.es

Fonte:www.xornal.usc.es