O río que separa os dous países servirá tamén para unilos o vindeiro 1 de outubro coa celebración do II Trofeo Interuniversitario Eurorrexional de K-4. A idea é que as augas do Miño acollan unha xornada de confraternización entre as universidades de Galicia e do Norte de Portugal cunha iniciativa deportiva pero tamén lúdica organizada pola Fundación CEER, Centro de Estudos Eurorrexionais en colaboración co Concello de Tui e a Câmara Municipal de Valença.
A regata desenvolverase en tres categorías (masculina, feminina e mixta) e cada universidade estará representada por un k-4 en cada unha delas, competindo así seis botes en cada categoría, os de A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Porto, Minho, Trás-os-Montes e Alto Douro. A competición comezará ás 12.00 horas do vindeiro sábado 1 de outubro nas augas do Miño á altura do Centro Interfederado de Remo, na eurocidade Valença-Tui. Este trofeo toma o relevo da edición do pasado ano na que as universidades competiron con barcos dragón, unha modalidade exótica que deixa paso nesta ocasión a unha das modalidades tradicionais do piragüismo, con catro padexeiros en cada kayak.
A finalidade deste trofeo é crear unha ponte máis nas relacións entre as comunidades universitarias de ambos lados do Río Miño e enténdese esta competición como “un espazo simbólico de unión e colaboración que reúne elementos como a tradición, a modernidade, o colectivo ou o medio ambiente e na que se destacan conceptos como o traballo en equipo, esforzo, cooperación, competición, sincronismo e destreza.
O programa de actividades pódese ver no arquivo adxunto.