O II TROFEO INTERUNIVERSITARIO EURORREXIONAL COMO NEXO DE UNIÓN ENTRE AS UNIVERSIDADES DA EURORREXIÓN
As augas do Miño foron este sábado testemuñas de excepción na competición de barcos k4 que enfrontou ás seis universidades de Galicia e do Norte de Portugal.
Os padexeiros botáronse a auga ás 12.00 horas da mañá na primeira das categorías á altura do Centro Interfederado de Tui, no que estaba situada a saída e a meta, dando a volta na Ponte Internacional, e percorrendo unha distancia total de 1000 metros. A pesar de varios emborcamentos dos botes, a regata transcorreu con normalidade e rodeada dun ambiente festivo propio desta xornada de confraternización entres as tres universidades galegas e as do norte de Portugal (Universidade de Porto, Universidade de Minho e Universidade de Tras-os-Montes Alto Douro). En total competiron 48 piragüistas representando ás seis universidades, boa parte deles cun ampla a recoñecida experiencia nesta modalidade de k4. A Universidade de Vigo fíxose cos trofeos das modalidades feminina e mixta, mentres que a de Minho gañou na masculina.
Ao longo da xornada desenvolvéronse numerosas actividades lúdico-culturais tanto nas beiras do río como nos centros históricos de Valença do Minho e Tui. As actuacións dos Bomboémia, da Vibratuna da UTAD, do grupo de Pauliteiros de Miranda, e da Tuna masculina universitária da Uporto e do grupo de Danza da USC fixeron gozar a todos os asistentes. A gastronomía tamén tivo o seu lugar destacado na celebración xa que coincidía coa Festa de Tasquinhas de Valença do Minho na que se puideron degustar produtos típicos do municipio con sabor de aldea.
Esta regata, organizada pola Fundación CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais) en colaboración co concello de Tui e a Cámara Municipal de Valença do Minho, pretende converterse nun punto de encontro entre os universitarios de ambas marxes do río Miño, afianzando lazos e fomentando a cooperación entre as universidades, así como promover a práctica regular de actividade física.
No convenio marco que permite a celebración desta proba deportiva toman parte 17 institucións e organismos e fano coa esperanza de que, cos anos, esta regata poida ter unha repercusión para contorna tan relevante como a que teñen algunhas tan míticas como a de Oxford e Cambridge ou, máis preto da casa, a que se celebra na ría de Bilbao e que mobiliza a boa parte da cidade para animar aos universitarios.
Con eventos como este, dende a FCEER preténdese tamén achegarse á sociedade, achegar as universidades á contorna e ás institucións e poder poñerse ao seu servizo para o desenvolvemento económico e social dunha eurorrexión que conta con 7 millóns de habitantes. As seis universidades aglutinan a 150.000 universitarios e a 12.000 investigadores e profesores, unha masa crítica que podería dar pé, se se traballa arreo e da man, a falar nun futuro dunha eurouniversidade.