Trátase do primeiro centro en Galicia dedicado exclusivamente á promoción de I+D de novas tecnoloxías arredor do ciclo integral da auga.
Galicia conta dende hoxe cun centro tecnolóxico de referencia estatal e internacional no estudo da auga. Emprazado no Edificio Emprendia da Universidade de Santiago de Compostela, o Centro Galego de Investigacións da Auga, CETaqua Galicia, promóveno a USC, o CSIC, Aquagest e Agbar co obxecto de xestionar e difundir sen ánimo de lucro investigación e desenvolvemento tecnolóxico no tratamento integral da auga.
A inauguración do centro tivo lugar este mércores nun acto no que interviñeron o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o reitor da USC, Juan Casares; o alcalde de Santiago, Gerardo Conde Roa; e o presidente executivo de Agbar, Ángel Simón. Asistiron ademais os conselleiros de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e de Economía e Industria, Agustín Hernández e Javier Guerra, respectivamente.
No acto, o reitor augurou o éxito deste novo centro e, por extensión, o das investigacións que realizan os seus grupos. Estamos na periferia, pero acostumados a competir, dixo. Na mesma liña pronunciouse o titular da Xunta, que sinalou a experiencia da empresa e a excelencia investigadora da USC como as claves que permitirán alcanzar grandes metas no estudo e coñecemento dun dos bens máis prezados, porque Galicia tamén é auga e a auga forma parte da nosa esencia.
Para o alcalde o centro instálase no mellor enclave para que cristalice e frutifiquen todos os traballos de investigación e se aplique o coñecemento adquirido en aras de garantir a sustentabilidade deste recurso. Pola súa banda Ángel Simón, para quen as persoas son a clave da nosa empresa e o coñecemento é parte da materia coa que traballamos, agarda que este centro contribúa a que o persoal preparado non teña que marchar de Galicia.
CETaqua
O de Santiago é o terceiro centro CETaqua de España, logo dos de Barcelona e Málaga, que xorde como un organismo integrador, xestor e executor de proxectos de investigación co obxecto de propor ás empresas, á sociedade e ás Administracións solucións innovadoras para a resolución de problemas ambientais e tecnolóxicos ligados á auga. Trátase do primeiro centro en Galicia dedicado exclusivamente á I+D de novas tecnoloxías nesta materia.
Unha forte especialización científica e tecnolóxica marca a diferenza e define a personalidade deste centro galego. Así, o de Santiago de Compostela centrarase en dúas liñas de traballo: o desenvolvemento de novas tecnoloxías para o tratamento e depuración da auga en pequenos e medianos municipios, con especial atención ao contorno rural; e o control hidráulico poñendo énfase na incorporación de augas residuais industriais a augas urbanas e na xestión avanzada da rede de sumidoiros. Estas dúas liñas complementan as nove de Barcelona e outras dúas de Málaga de CETaqua.
CetaquaGalicia, que estará dirixido por Mariano Gómez López, comeza a súa actividade cun cadro de persoal de sete persoas que os seus responsables contan triplicar nos vindeiros anos. O centro operará como aglutinador de esforzos dos distintos axentes, Universidade, empresas, Administración... con capacidade para xerar coñecemento aplicado e deste xeito favorecer sinerxías en torno á problemática integral da auga.
Fonte: www.xornal.usc.es