Xornadas de iniciación á cooperación no Campus de Ferrol.
Xa está aberto, ata o 24 de outubro, o prazo de inscrición para cursar as Xornadas de Introdución á Cooperación para o Desenvolvemento e a Acción Humanitaria, que se celebrarán os días 27 e 28 de outubro na Facultade de Enfermaría e Podoloxía do campus de Ferrol.
Nestas xornadas, que contarán cun nutrido grupo de persoas e organizacións expertas, trataranse cuestións como a defensa dos dereitos humanos e a interculturalidade; a soberanía alimentaria; o xénero, o traballo en conflitos armados, o comercio xusto, polo que resultan de gran interese para aquelas persoas que queiran introducirse no mundo da cooperación para o desenvolvemento e a acción humanitaria. As sesións de traballo abordaranse dunha forma dinámica e aberta á participación de todas as persoas asistentes.
As xornadas serán inauguradas o xoves 27 ás 9.30 horas polo vicerreitor de Ferrol e relación universidade-empresa da Universidade da Coruña, Luís Barral, xunto co director da Oficina de Cooperación e Voluntariado, Luís Hervella. A continuación celebraranse dúas charlas coloquio nas que participarán Xosé Luís Pastoriza, experto en cooperación para o desenvolvemento, e Miguel Rodríguez, técnico de Comunicación e Educación para o Desenvolvemento de Educación sen Fronteiras Galicia.
Tras unha degustación didáctica de produtos de comercio xusto a cargo de Solidariedade Internacional Galicia, as sesións reanudaranse ás 12.30 horas coa presentación dos traballos de investigación en cooperación para o desenvolvemento financiados pola Universidade da Coruña e levados a cabo por profesorado e persoal investigador nos países en vías de desenvolvemento.
Xa pola tarde, celebraranse novas charlas coa participación de Ana García, responsable de sensibilización de Axuda en Acción e membro da Comisión de Xénero da Coordinadora Galega de ONGD, e Lidia Senra, do Sindicato Labrego Galego. A xornada concluirá cunha mesa redonda sobre as achegas á cooperación desde os sindicatos, as Forzas Armadas e a empresa.
Na xornada do venres 28 a primeira charla coloquio versará sobre a acción humanitaria, a cargo de María Díaz, responsable da delegación de Asturias, Galicia e León da ONG Médicos sen Fronteiras. A continuación presentarase un videofórum, coa proxección do documental “Living in emergencies”, que relata as experiencias do persoal expatriado de Médicos sen Fronteiras. Por último, o panel de experiencias centrarase na participación do voluntariado da UDC na cooperación para o desenvolvemento e a experiencia dos proxectos de coñecemento da realidade.
Fonte:http://udc.es