A USC edita unha guía con claves para empregar linguaxe non sexista.
Dar visibilidade ao 50% da poboación, sexa cal sexa o seu sexo, e solucionar problemas de ambigüidade na comunicación, dúas claves que obrigan ao coñecemento e utilización da linguaxe non sexista, se cabe con máis atención no ámbito universitario. Así o entenderon o Servizo de Normalización Lingüística e a Oficina de Igualdade de Xénero da USC, que acaban de editar unha guía de criterios destinada a toda a comunidade universitaria.
O manual presentárono este martes a secretaria xeral da USC, Lourdes Noya; a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva; a profesora de Filoloxía da USC e colaboradora do volume, Teresa Moure; e a coautora da guía xunto con Manuel Bermúdez, Alba Cid.
Esta guía pretende ser un apoio no labor de redacción e creación textual, en especial para as persoas nas que recae a responsabilidade de difundir información institucional. Trátase de dar un paso máis aló e fuxir do tradicional uso do masculino como xénero non marcado, correcto dende o punto de vista gramatical pero que invisibiliza as mulleres e a súa intervención na sociedade. A súa utilización permitirá que os textos e os discursos emitidos pola USC teñan un estilo comprometido co non sexismo e asentado na cultura da igualdade, afirman as persoas responsables.
Todo, para restituír a orde xusta na sociedade, como reivindicou Teresa Moure na presentación. Unha lingua onde priman as formas masculinas acaba por falar dun modo exclusivamente masculino, dixo, e desexou que esta sexa a primeira guía dunha longa listaxe de publicacións a prol da igualdade. Precisamente neste asunto abondou a vicerreitora Benita Silva, que lembrou que o volume é unha acción contemplada no Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes da USC. As universidades temos que ser unha referencia na educación en valores, na educación en igualdade, afirmou.
Substituír alumno por alumnado, os lectores por quen le, algún dos presentes por alguén ou traballador por cadro de persoal son algunhas das propostas que ofrece esta guía universitaria, que distingue entre textos narrativos ou descritivos e os tradicionais normativos, científicos ou formularios. Trátase, explicou Alba Cid, de que a lingua non quede presa en usos que non definen ás mulleres.
Fonte: www.xornal.usc.es