GALICIATIC ABRE AS SÚAS PORTAS CUN CHAMAMENTO DA XUNTA A PROL DE ABRIRMOS MERCADO
Este xoves 20 de outubro tocou falar sobre novas tecnoloxías. Máis polo miúdo, sobre o uso que lle damos, e lle podemos dar, ás novas tecnoloxías como ferramentas para acadarmos máis competitividade e máis fortaleza nos mercados internacionais. Esta é unha das bases do encontro GaliciaTIC, a novena edición, que se está a desenvolver este xoves no Centro Sociocultural NovaCaixaGalicia de Vigo, punto de encontro dun bo número de profesionais das TIC da nosa terra, avaliando ao longo mañá e da tarde os puntos fortes do sector para facerse con máis mercado.
Por certo que o evento foi inaugurado oficialmente por Mar Pereira, secretaria xeral de Modernización, quen aproveitou a cita para lembrar que Galicia é a sétima Comunidade Autónoma con maior número de empresas do sector TIC.
Asemade, recordoulles aos presentes que contamos, sinalou, cun tecido empresarial composto por case 1.800 empresas que ofrecen emprego a preto de 16.000 traballadores. Pereira, no transcurso da súa intervención, tamén fixo fincapé na eivas a superar polo noso sector e polas propias administracións, que deberán aplicarse para incrementar certos parámetros no seo do noso eido produtivo TIC, tanto no que atinxe a número de empregados e ingresos como no que se refire á busca de novos nichos de actividade fóra do noso país.
Neste senso, a secretaria xeral defendeu unha liña de traballo que consiga incrementar o nivel de cooperación dun sector estratéxico da economía galega, polo seu papel no resto de sectores chave da economía, para contribuír a mellorar a súa produtividade e competitividade. Ao seu xuízo o sector TIC galego está a apostar polo potencial da innovación xa que, segundo os últimos datos do OSIMGA no período 2008 a 2010, case o 26% das empresas desenvolveron actividades de I+D+i investindo máis de 40 millóns de euros.
Amais do devandito, incidiu na necesidade de aproveitar as amplas capacidades coas que contamos para desenvolver o sector TIC punteiro que exporte tecnoloxía e coñecemento, un obxectivo ambicioso máis se cabe no actual marco de crise económica.
Fonte: http://codigocero.com