Oficina CEER
 24-10-2011
O MINISTERIO DE EDUCACIÓN PREMIA Á UNIVERSIDADE SÉNIOR DA CORUÑA

O Ministerio de Educación vén de recoñecer o labor dos Obradoiros Europeos da Universidade Sénior da Coruña cunha mención honorífica dos Premios Miguel Hernández na súa edición de 2011.

O Boletín Oficial del Estado do pasado 4 de outubro fai publica a resolución dos Premios Miguel Hernández que apoian e difunden as boas prácticas e experiencias de aprendizaxe ao longo da vida en España, recollendo a mención honorífica á promoción da dimensión europea na Universidade Sénior da Universidade da Coruña dentro do Programa de Aprendizaxe Permanente da Unión Europea. A Universidade Sénior vén participando dende o ano 2003 en diferentes proxectos de educación de adultos con dimensión europea co obxectivo de potenciar unha cidadanía europea activa entre os alumnos e alumnas sénior da Universidade da Coruña. A través destes obradoiros, a UDC ten focalizado o fomento da identidade e a cidadanía europea entre os estudantes universitarios maiores. O Programa de Aprendizaxe Permanente pretende estimular o intercambio, a cooperación e a mobilidade entre os axentes dos sistemas de educación e formación da Unión Europea, para facer destes unha referencia mundial de calidade, e todo iso nos diferentes momentos da aprendizaxe ao longo da vida mediante catro subprogramas sectoriais focalizados nos diferentes estadios da formación e a educación.

Desde o curso académico 2003-2004, ata o presente curso 2010-2011, participaron nas actividades desenvolvidas polos Obradoiros Europeos da Universidade Sénior, un total de 429 alumnos e alumnas, dos cales 281 son mulleres (65%) e 148 son homes (35%), cun rango de idade entre 51 e 83 anos. Nestes obradoiros fíxose un intento expreso de adaptar os contidos e as actividades ás concretas demandas formativas dos participantes, tendo moi en conta as situacións específicas que estes puideran presentar e complementando as sesións teóricas con actividades de carácter social e cultural.

Este recoñecemento súmase ao Premio Galicia Sénior, na súa primeira edición, que lle foi concedido pola Xunta de Galicia á Universidade Sénior e que foi entregado o pasado 29 de setembro en Pontevedra no decurso dun acto presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo.

Fonte:http://udc.es