GRUPOS DE INVESTIGACIÓN VINCULADOS A CAMPUS DO MAR ACADAN COS SEUS PROXECTOS MÁIS DE 2 MILLÓNS DE EUROS
Vinte proxectos de grupos de investigación das cinco institucións que promoven Campus do Mar (universidades de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña; Instituto Español de Oceanografía e Consejo Superior de Investigaciones Científicas) acadaron 2.171.950 euros na convocatoria de Proxectos de Investigación Fundamental non orientada do Plan Nacional de I+D+i que acaba de resolverse. Nove destes vinte proxectos que recibirán financiamento enmárcanse no programa de Ciencias e Tecnoloxías Mariñas; catro en Gandería, Acuicultura e Pesca; tres en Deseño e produción industrial; dous en Biodiversidade; un en Dereito e outro en Bioloxía Fundamental, molecular e celular.
“Campus do Mar é unha iniciativa que axudou á busca de sinerxías e converxencias en proxectos comúns a investigadores que doutro xeito traballarían a unha escala máis pequena”, explica Fidel Echevarría, xestor do Programa Nacional de Ciencia e Tecnoloxía Mariña do Ministerio de Ciencia e Innovación, nun encontro co equipo de dirección de Campus do Mar. Un traballo en conxunto ao abeiro de Campus do Mar que segundo Echevarría “permite aos investigadores formular obxectivos máis ambiciosos e cun resultado mellor que se cada un vai polo seu lado”.
Referencia en España en investigación mariña.
A consecución de algo máis de dous millóns de euros por parte dos grupos de investigación implicados reforza, en opinión de Fidel Echevarría, a posición de referencia acadada por Galicia en investigación mariña. “Xunto a Cataluña e Andalucía, Galicia ten unha posición moi consolidada e un papel moi importante no panorama nacional na investigación mariña”, explicou o xestor. “Somos un país cunha capacidade de produción en ciencias mariñas relativamente boa e nese contexto Galicia ten un papel fundamental”, destaca Echevarría, quen lembrou que España é a novena potencia en termos de publicacións científicas.
Iniciado en 1995, o programa de Ciencias e Tecnoloxías Mariñas experimentou ao longo dos anos unha evolución na que se reduciu a porcentaxe de propostas aprobadas, pasándose dun 77 a un 55% e na que se incrementou o financiamento por proxecto pasándose dos 110.000 aos 128.000 euros. Echevarría defende esta tendencia que considera “contraria ao café para todos e que aumenta a calidade dos proxectos que superan un filtro máis esixente”.
Incorporación de persoal investigador aos proxectos.
Ao financiamento acadado na convocatoria de Proxectos de Investigación Fundamental non orientada do Plan Nacional de I+D+i, seis dos vinte proxectos seleccionados, foron elixidos para incorporar persoal investigador en formación o que lles permitirá dispoñer de investigadores predoutorais. “O Plan Nacional ten unha dobre vía, a das bolsas de investigación de persoal predoutoral coa idea de formalo e que fagan as súas teses e tamén a de solicitar técnicos xa doutores”, explica o xestor do Programa Nacional que destaca a contribución “humilde dentro das nosas posibilidades” que o Plan pretende realizar ante o grave problema de paro que existe.
Catedrático de Ecoloxía na Universidad de Cádiz, Fidel Echevarría, ten claro que en Galicia e en Vigo un campus de temática mariña “era un resultado natural do esforzo que se está a facer nesta zona en investigación mariña, un ámbito no que estamos afeitos á interacción entre grupos e institucións”. Neste sentido o xestor destacou que Campus do Mar “ten dimensións máis alá das ciencias experimentais porque implica a tecnoloxía e ás humanidades e tamén ten un forte impacto social”. Como catedrático universitario que forma parte da agregación que conforma CEIMAR, non dubida en asegurar que “estamos aprendendo moito de Campus do Mar”.
Fonte:http://xornal.usc.es