Oficina CEER
 11-11-2011
PARA QUE SERVEN AS CAMPAÑAS ELECTORAIS?

Para que serven as campañas electorais? Por Alberto Pena.

O profesor de Ciencias Sociais e da Comunicación dá claves sobre a propaganda política a 10 días do 20-N.

Unha campaña electoral sirve para algo? Tantos cartos en anuncios, en mitins, tantas entrevistas públicas dos candidatos, tanta parafernalia mediática por parte dos partidos políticos e dos seus militantes... realmente merece a pena? Estas son algunhas das preguntas que se fan moitos electores cada vez que os partidos políticos inician unha nova campaña, con novas mensaxes, con novos eslogans, con novas ideas políticas, con novos proxectos… Sen embargo, moitos cidadáns pensan que non hai nada de novidade en volver a pedir o seu voto co mesmo discurso machacón de sempre, orquestado a través dos medios de comunicación, que repiten sen pausa durante semanas as mesmas ideas, as mesmas marcas políticas, os mesmos rostros, as mesmas expresións cas mesmas palabras máxicas escollidas con sentido estratéxico para seducir aos votantes: esperanza, cambio, compromiso…

É evidente que as campañas poden producir unha certa desafección, pero cumpren a súa función democrática. Os cidadáns temos o dereito a escoller a que cremos que é a mellor opción política entre a oferta de partidos e candidatos e, para que estes poidan darse a coñecer e convencer sobre as vantaxes do seu proxecto político, a propia democracia decidiu arbitrar un período de campaña durante o cal as candidaturas compiten entre sí por convencer á cidadanía. En realidade, trátase dunha guerra, dunha guerra de mensaxes; a propia palabra campaña ten as súas orixes na terminoloxía militar, igual que eslogan, que procede dunha expresión bélica que pronunciaban antes de cada batalla as tribus gaélicas que se enfrontaron ao imperio británico pola súa independencia.

É certo que as campañas electorais poden resultar, neste senso, aburridas e ata innecesarias para algúns, pero na sociedade da información hai unha regra indiscutible actualmente: o que non comunica non existe. Unha campaña pode influir na opción de voto de entre o 10 e o 20 % dos electores, que acaban por ser persuadidos ou seducidos polo “produto comunicativo” que presentan os diferentes partidos. En xeral, os electores non lemos con detalle nin comparamos os programas electorais, simplemente deixámonos orientar pola nosa intución, con máis ou menos fundamentos racionais, pero sobre todo orientados por elementos emocionais, que son os que determinan o formato, a estrutura e os contidos das campañas políticas, actualmente moi profesionalizadas neste eido.

Pero se o que está en xogo é o voto dunha porcentaxe tan baixa de electores, por qué os partidos se esforzan tanto e gastan tantos recursos nas campañas? Pois moi sinxelo: porque precisan consolidar e movilizar os votos que dan como probables ou seguros e porque, ainda que só gañen un cinco por cento de votos, isto pode representar a victoria ou a derrota, estar no goberno ou na oposición e para os partidos minoritarios pode significar simplemente existir ou non existir parlamentariamente.

En conclusión, comunicar ben non garante o éxito electoral, pero moitas veces resulta decisivo. Non se trata tanto de que un candidato sexa o mellor, senón de que o seu relato político resulte o suficientemente convincente para a cidadanía. E para convencer non chega con ter un bo argumento, hai que comunicalo ben e repetilo moitas veces para que acabe calando.

Fonte: http://duvi.uvigo.es