Oficina CEER
 14-11-2011
PREMIO UDC DEPORTES PARA A FACULTADE DE DEPORTE

A Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física conseguiu onte o Premio UDC Deportes en recoñecemento ao seu labor educativo e á súa contribución á profesionalidade do deporte en Galicia ao longo dos seus 25 anos de existencia.

O xurado estivo formado polo vicerreitor de Cultura e Comunicación, Luís Caparrós, o subdirector de Deportes de La Voz de Galicia, Fernando Hidalgo, o xefe de Deportes de Diario de Ferrol, Juan Quijano, o xornalista de Radio Galega, Javier Torres, o director de Deportes da Universidade da Coruña, Juan Fernández, o técnico de Deportes, Manuel Moya, e a xefa de Comunicación da UDC, María Ares. Na reunión mantida onte, o xurado valorou o prestixio académico da facultade coruñesa e a influencia no mundo deportivo dos alumnos que pasaron polas súas aulas e que desenvolveron brillantes traxectorias deportivas tanto no mundo da competición, con varios deportistas olímpicos, como no campo da preparación física, con adestradores recoñecidos en diversas disciplinas deportivas, como o fútbol, baloncesto, balonmán, vela, etc.

A Facultade de Ciencias da Educación Física e do Deporte foi creada pola Xunta de Galicia como o Instituto Nacional de Educación Física de Galicia (INEF-Galicia) nun momento en que só existían en España tres centros deste nivel. Hoxe en día, cando existen máis de 30 universidades que imparten esta formación segue a ter como obxectivo os seus principios fundacionais: ser un centro de educación superior para formar profesores de educación física e do deporte, para a educación, saúde e calidade de vida da sociedade. O cadro actual de profesorado está formado por 39 doutores, 8 licenciados e un enxeñeiro. Nestes 25 anos máis de 2.000 estudantes obtiveron a titulación superior que ofrece esta facultade, no ano 1993 saíu das súas aulas a primeira promoción de Licenciados, mentres que no ano 2010 saíron os primeiros Graduados logo da adaptación da licenciatura ao “plan Bolonia”. O 77% dos seus alumnos procede de Galicia e o resto vén doutras comunidades autónomas ou do estranxeiro. O datos indican que o 94% dos estudantes desta facultade elixiron esta titulación por vocación. A taxa de ocupación do ano 2009 dos egresados coruñeses nesta titulación foi do 76%, superando en 6,5% a media dos titulados universitarios españois.

O Premio UDC Deportes á Facultade súmase ao premio ao Mérito Deportivo outorgado pola Xunta de Galicia este ano. O reitor, José María Barja, entregará esta distinción o vindeiro xoves 17 de novembro, dentro dos actos promovidos pola Universidade da Coruña para celebrar o Día do Deporte e que se desenvolverán ao longo de todo o día nas pistas polideportivas de Elviña.

O Premio UDC Deportes ten como obxectivo recoñecer o traballo e o mérito deportivo da comunidade universitaria (profesores, alumnos ou persoal de administración) ou de institucións da Universidade da Coruña a prol do deporte. Nas anteriores edicións premiouse ao profesor Antonio Ripoll e ao equipo feminino de rugby da UDC.

Fonte: http://www.udc.es/