Oficina CEER
 18-11-2011
CIENCIAS POLÍTICAS REÚNE A EXPERTOS ESPAÑOIS E CHILENOS EN INVESTIGACIÓN ARREDOR DOS IMAXINARIOS SOCIAIS

O seminario internacional ‘Investigación social en torno aos Imaxinarios Sociais’ reunirá este venres 18 e o sábado 19 no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais a investigadores do Grupo Compostela de Estudos sobre Imaxinarios Sociais (GCEIS) procedentes de España e de Chile. A xuntanza permitirá coñecer e discutir sobre os traballos e desenvolvementos teóricos alcanzados.

Esta actividade ten como antecedentes o seminario internacional dedicado a ‘Epistemoloxía e metodoloxía de investigación aplicada aos imaxinarios sociais” celebrado en 2008 na Universidade de Concepción de Chile. O evento presentouse como unha actividade formativa aberta á comunidade universitaria e como un encontro entre os membros do GCEIS coa participación de Juan Luis Pintos, director do grupo en Santiago de Compostela, e dos investigadores Ester Filgueira e Julio Cabrera.

O de Santiago reunirá a destacados integrantes do grupo das dúas beiras do Atlántico, xusto cando se celebran dez anos de existencia do colectivo e coincidindo coa aparición do primeiro número da revista interdisciplinaria sobre imaxinarios sociais Imagonautas, que se lanzará no transcurso do seminario.

Programa.
Logo do acto de benvida que ofrecerán a partir das 9.30 horas os responsables do comité organizador, Juan L. Pintos de Cea e Felipe Aliaga, o doutorando Óscar Basulto pronunciará o primeiro relatorio sobre ‘Construción de valor territorial no imaxinario urbano’. O profesor Julio Cabrera falará deseguido sobre ‘Fronteira e imaxinario’. Nesta mesma sesión matinal, a partir das 11.00 horas, Pablo Segovia presentará a súa intervención sobre ‘A presentación do si-mesmo e o imaxinario político en Ricardo Lagos e Michelle Bachelet (ex presidentes de Chile): un achegamento dende a análise do discurso.

Socio-hermenéutica plurianalóxica e imaxinarios sociais no contexto da actividade tecnocientífica, a cargo de Juan R. Coca e Jesús A. Valero, e a colisión entre o real e o imaxinario, con especial atención ao golpe de estado de Honduras, de Francesca Randazzo, son os dous relatorios que precederán á presentación da revista Imagonautas. A xornada continuará pola tarde, a partir das 16.30 horas referíndose a estratos culturais do imaxinario, a noción de dispositivo no cine documental político e cunha proposta para una aplicabilidade do imaxinario no estudo das clases creativas a partir dunha lectura da socioloxía francesa.

Fonte: http://xornal.usc.es