EXPOSICIÓN SOBRE MARCELA E ELISA, AS PRIMEIRAS MULLERES QUE TENTARON O MATRIMONIO HOMOSEXUAL EN ESPAÑA
Exposición en Normal sobre Marcela e Elisa en Normal, as dúas mulleres que protagonizaron o primeiro intento de matrimonio homosexual en España.
Mañá, martes 22 de novembro ás 20.00 horas celebrarase en Normal a inauguración da exposición titulada Marcela e Elisa, que permanecerá aberta ao público ata o 31 de xaneiro de 2012.
Nesta mostra lémbrase a figura de Marcela Gracia Ibeas e Elisa Sánchez Loriga, dúas mulleres que protagonizaron o primeiro intento de matrimonio homosexual de España do que se ten constancia legal. Para conseguilo Elisa tivo que adoptar unha identidade masculina: Mario Sánchez, figurando así na acta de matrimonio. Casaron pola igrexa na Coruña, tras coñecerse precisamente na Escola Normal de Mestras, onde se ubica actualmente o Espazo de Intervención Cultural Normal, pero o párroco descubriu o engano e foron denunciadas e perseguidas.
Organizada e producida por Normal, conta con patrocinadores como o Instituto da Muller, o Fondo Social Europeo e o Concello da Coruña. Colaboran A Coruña Visible, a Deputación Provincial da Coruña e Mupega.
Como actividades complementarias a esta mostra organizarase un plan de didáctica de visitas guiadas e obradoiros en centros de ensinanza secundaria e centro cívicos. Tamén se desenvolverá un ciclo de cine centrado no tema de Marcela e Elisa, arredor do lesbianismo no cinema.
Fonte: http://www.udc.es