Oficina CEER
 22-11-2011
INVESTIGADORES DO GRUPO BIOFARMA DA USC IDENTIFICAN POSIBLES DIANAS TERAPÉUTICAS EN PLAQUETAS DE PACIENTES CON INFARTO AGUDO DE MIOCARDIO

Investigadores do grupo BioFarma da USC acaban de publicar novos datos de potencial interese para o desenvolvemento futuro de fármacos antiplaquetarios para o tratamento do infarto agudo de miocardio. Os investigadores do Departamento de Farmacoloxía estudaron mediante proteómica as proteínas das plaquetas sanguíneas de pacientes con infarto agudo de miocardio comparándoas coas de pacientes con cardiopatía isquémica crónica estable e de individuos sans.

A análise realizada polos investigadores permitiu identificar as principais responsables da activación plaquetaria nos pacientes agudos. Entre os datos máis relevantes, o investigador principal Ángel García Alonso sinala a identificación dunha maior activación da vía do receptor de coláxeno GPVI nos pacientes afectados de infarto, definíndose así como unha hipotética diana terapéutica. Os resultados deste traballo acaban de ser publicados na prestixiosa revista americana Arteriosclerosis, Thrombosis and Vascular Biology , que cun 7,2 de factor de impacto ocupa o terceiro lugar entre as 68 revistas da área de enfermidade vascular periférica.

Este estudio é froito dunha colaboración co Servizo de Cardioloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago dirixido por José Ramón González Juanatey e financiado polo MICINN, a Xunta de Galicia e a Fundación Mutua Madrileña.

A importancia das plaquetas.
As plaquetas son células sanguíneas sen núcleo que se activan no momento en que se produce unha ferida, contribuíndo á formación do coágulo que evite a perda de sangue. Como sinala o investigador Ángel García, o problema xorde cando, en circunstancias patolóxicas, as plaquetas se activan “de xeito indesexable” producindo un trombo que acaba obstruíndo as arterias coronarias e dando lugar a un infarto agudo de miocardio.

A proteómica ocúpase da análise do proteoma, o conxunto de proteínas presentes nunha célula, tecido ou fluído biolóxico nun momento dado, e que son responsables da súa actividade biolóxica. Como apunta o investigador Ramón y Cajal, esta tecnoloxía baséase en técnicas avanzadas de separación e análise de proteínas. No caso das plaquetas, a proteómica permite estudar en detalle as súas proteínas co fin de atopar biomarcadores e obxectivos farmacolóxicos que permitan un mellor tratamento das enfermidades trombóticas e cardiovasculares.

Fonte: http://xornal.usc.es