Tres profesores da UDC intégranse na Cátedra Unesco de Desenvolvemento Litoral Sustentable do Campus do Mar.
Tres investigadores da Universidade da Coruña forman parte da “Cátedra Unesco de Desenvolvemento Litoral Sustentable, Campus do Mar”, concedida polo organismo internacional a un proxecto presentado de forma conxunta polas cinco institucións promotoras deste campus de excelencia (as tres universidades galegas, o CSIC e o Instituto Español de Oceanografía).
Os profesores do campus coruñés son Franciso Javier Sanz Larruga, Federico Martín Palmero e Antonio García Allut, que integran o equipo xunto con once científicos das outras institucións promotoras.
A cátedra, dunha duración de catro anos prorrogables, agrupa a expertos de ciencias ambientais, ciencias do mar, ordenación do territorio, urbanismo e xestión integral de zonas costeiras.
As cátedras Unesco son o resultado dunha iniciativa das Nacións Unidas para avanzar e mellorar o desenvolvemento da investigación, capacitación e programas de desenvolvemento da educación superior por medio da construción de redes universitarias e da cooperación interuniversitaria internacional a través da transferencia de coñecemento.
Dentro da estratexia a medio prazo da Unesco dáselle prioridade á cooperación con África, razón pola que a cátedra do Campus do Mar inclúe, entre os seus obxectivos, a atención especial ás necesidades de países como Cabo Verde, Santo Tomé e Príncipe, Timor, Angola e Mozambique.
A obtención da Cátedra Unesco non implica novo financiamento, senón o compromiso de levar adiante actuacións que desenvolvan os obxectivos propostos, con actuacións xa programadas e orzamentadas, de xeito que non supón gasto complementario ningún para as institucións participantes.
Fonte: http://www.udc.es