Oficina CEER
 30-11-2011
COMEZAN AS VIII XORNADAS SOBRE LINGUA E USOS: LINGUA E ECOLOXÍA

O reitor da Universidade da Coruña, José María Barja, preside este mércores, 30 de novembro, ás 10:00, no Paraninfo, o acto de apertura das VIII Xornadas sobre Lingua e Usos, que organiza o Servizo de Normalización Lingüística e que este ano se centran na relación entre lingua e ecoloxía.

Ao acto está prevista a asistencia do presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, e do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Anxo Lorenzo.

Deseguido, a finesa Tove Skutnabb-Kangas, unha dos máis destacadas investigadoras europeas en bilingüismo, dereitos lingüísticos e educación para minorías, será a encargada de pronunciar a conferencia inaugural.

Na mesma xornada do mércores intervirán María López Sández, que falará sobre “Memoria, ecoloxía e identidade cultura en Galiza”; Teresa Moure, cun relatorio titulado “Do activismo ecolóxico ao activismo lingüístico”; Ana Isabel Andrade (“Educaçao para o desenvolvimento sustentável e diversidade lingüística: que possibilidades?”. Programouse, así mesmo, un obradoiro de narracións ecolóxicas, impartido por Anxo Moure.

Para o xoves están programados os relatorios de Isabel Vilalba Seivane (“Ecofeminismo: unha nova ollada á realidade rural desde o imaxinario literario galego”) e de Carme Junyent (“Para sermos lingüisticamente sustentábeis”). Pablo Carpintero impartirá un obradoiro de músicas vexetais e, ás cinco da tarde, Manuel Gago e Mabel Rivera participarán nunha mesa redonda sobre “Activismo ecolóxico e recuperación cultural”.

A conferencia de clausura –aberta, como todas, ao público e con tradución simultánea– será pronunciada por Robert Phillipson, outro referente europeo no estudo das linguas minoritarias e na análise das relacións entre linguas.

Fonte: http://udc.es