Oficina CEER
 30-11-2011
UDC EN REDE DE INVESTIGACIÓN CON LATINOAMÉRICA

A UDC formará parte dunha nova rede de grupos de investigación de comunicación e desenvolvemento integrada port universidades europeas e latinoamericanas.

Representantes dos quince grupos que conforman a Rede Europa América Latina de Comunicación e Desenvolvemento (REAL_CODE) daranse cita en Santiago de Compostela durante o seu primeiro encontro, que se celebrará entre o 28 de Novembro e o 2 de Decembro de 2011 na Facultade de Ciencias da Comunicación.

A pesar de que, por separado, comunicación e desenvolvemento constitúen dous elementos centrais na investigación das Ciencias Sociais contemporáneas, son contados os departamentos europeos que combinan ambos os dous conceptos nas súas liñas de traballo. Pola contra, varios grupos de investigación latinamericanos teñen desenvolvido unha importante actividade conceptualizadora e de investigación neste eido. Esta constatación, xunto á evidencia da necesidade de desenvolver estratexias de traballo transdisciplinares e en rede, moveu a catro grupos de investigación do Sistema Universitario Galego, entre eles da Universidade da Coruña, a promover a creación desta nova rede, que conta co apoio, para a súa consolidación, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a través dunha liña de financiamento dos fondos FEDER.

A este núcleo promotor de base galega (conformado polos grupos CIDACOM da USC, ECRIM da UDC e CP2 e HI2 da UVigo), únense polo momento cinco grupos do resto do Estado (das universidades de Salamanca, Extremadura, Sevilla, Rey Juan Carlos de Madrid e Autónoma de Barcelona), tres europeos (Universidade da Beira Interior-Portugal, Université de Nice-Sophia Antipolis e Sud Toulon-Var, en Francia; e o grupo Ørecomm das universidades de Malmö, Suecia, e Roskilde, Dinamarca); e tres latinamericanos (Universidad Autónoma de México, UniMinuto de Bogotá, Colombia, e Universidade de Sergipe, Brasil). Os grupos integrantes da rede proveñen maiormente do ámbito das Ciencias da Comunicación, pero tamén da Economia Politica, a Socioloxía e o Dereito. En todo caso, comparten unha perspetiva multidisciplinar para a abordaxe da comunicación e o desenvolvemento nun sentido amplo e superador de vellas concepcións.

Nesa mesma liña, o primeiro Encontro da REAL_CODE xuntará a membros de todos os grupos integrantes para consensuar unha definición dos conceptos centrais en torno aos que deberá xirar a súa estratexia común. Durante as primeiras dúas xornadas, as do 28 e 29 de Novembro, expertos nesta temática que integran a Rede, como Francisco Sierra Caballero, da Universidade de Sevilla e especialista na relación entre a participación cidadá e as novas tecnoloxías da información; ou Amparo Cadavid, da UniMinuto de Bogotá, unha das maiores expertas en Participación e Medios Comunitarios, debaterán co resto de investigadores o modelo de Comunicación e de Desenvolvemento que debe promoverse nas sociedades contemporáneas, nun momento no que un certo determinismo tecnolóxico leva a esquecer a desigualdade no acceso ás novas tecnoloxías ou á propia linguaxe destes novos medios. Así mesmo, o concepto de desenvolvemento tende a reducirse ao crecemento económico capitalista, obviando concepcións mais abarcadoras como a que representa o Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento, mais próximo á definición promovida pola REAL_CODE.

Ao longo dos cinco dias do Encontro, os membros da rede porán en común as súas perspectivas conceptuais, definiran estratexias conxuntas e posíbeis proxectos de traballo de acción e investigación, nos que ademais dos grupos universitarios será fundamental a participación da sociedade. Para isto, durante os dias 1 e 2 de Decembro, os membros da REAL_CODE manterán xuntanzas con representantes de organizacións sociais e institucións, susceptíbeis de iniciar liñas de traballo conxunto coa Rede.

Este primeiro Encontro presencial da REAL_CODE será continuado a traves da plataforma virtual desenvolvida para facer posíbel a interacción de todos os seus membros a traves de Internet. A plataforma http://real-code.org , desenvolvida pola empresa galega A Navalla Suíza, estará operativa antes do Encontro para facilitar o traballo a distancia dos membros desta nova Rede de Investigación.

Fonte: udc.es