Oficina CEER
 05-12-2011
ARMESTO E CASTEDO PASAN Á 2ª VOLTA NAS ELECCIÓNS A REITOR

As eleccións á Reitor da Universidade da Coruña resolveranse o vindeiro día 13 de decembro, logo de que onte ningún dos cinco candidatos obtivese maioría absoluta na primeira volta, necesaria para proclamarse Reitor. Xosé Luis Armesto, con 1.676 votos ponderados e Luis Castedo, con 1.140, son os candidatos entre os que se elixirá Reitor na segunda volta.

As porcentaxes de participación nestas eleccións foron:
- profesor doutor con vinculación permanente, 91,09%
- restantes categorías de profesorado, 66,67%
- estudantes, 18,81%
- persoal de administración e servizos, 83,62%

Os votos ponderados repartíronse do seguinte xeito:
- Xosé Luis Armesto, 1.676
- Luis Castedo, 1.140
- Fermín Navarrina, 1.118
- Alejandro Pazos, 724
- Manuel Recuero, 440

O reitor da Universidade da Coruña, José María Barja, acaba de abrir un novo prazo de campaña electoral entre os días 7 e 12 de decembro, ambos incluídos. A nova convocatoria de eleccións terá lugar nas mesmas condicións que na xornada de onte. Están convocados para as mesas electorais as mesmas persoas, titulares e suplentes, que foron chamadas para o 1 de decembro. Así mesmo, o horario de apertura das mesas será de 11:00 a 19:00 horas.

Na comparecencia de onte ao remate do escrutinio, tanto o secretario Xeral da Universidade da Coruña, Carlos Amoedo, como o vicerreitor de Cultura e Comunicación, Luís Caparrós, destacaron a total ausencia de incidentes ao longo da xornada electoral e o clima de normalidade con que se viviu. Caparrós agradeceu expresamente a todos os candidatos a “limpeza” da campaña electoral que se baseou na confrontación de ideas e non de persoas.

Lembramos que o censo electoral está composto por un total de 20.637 persoas das que 18.270 son estudantes; 797 son profesores doutores con vinculación permanente, 819 membros das restantes categorías do persoal docente e investigador, e 751 integran o plantel do persoal de administración e servizos.

Habilitaranse urnas en cada centro para que voten os profesores e os estudantes, xa que o persoal de administración e servizos exercerá o seu voto na Reitoría, no caso dos traballadores dos campus da Coruña, e na vicerreitoría de Ferrol, para o persoal deste campus. Todos os membros da comunidade universitaria, estudantes, profesores e persoal de administración e servizos, disporán de dúas horas para exercer o dereito ao voto. O reitor elíxese por sufraxio universal con voto ponderado de acordo coas seguintes porcentaxes:

- 51% profesorado doutor con vinculación permanente á Universidade.
- 12% resto do persoal docente e investigador.
- 28% estudantes
- 9% persoal de administración e servizos

Toda a información sobre as eleccións e os datos do escrutinio pode seguirse no taboleiro electoral www.udc.es/eleccions2011.