Oficina CEER
 07-12-2011
O PRAZO DE PARTICIPACIÓN NO XII CONCURSO DE PROXECTOS EMPRESARIAIS INNOVADORES DA USC AMPLÍASE ATA O 15 DE DECEMBRO

O seu obxecto é impulsar a creación de empresas innovadoras promovidas por universitarios de toda Galicia.

A presentación de propostas á duodécimo edición do Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC poderá realizarse ata as 14.00 horas do próximo día 15, logo da ampliación do prazo de presentación. Esta é unha iniciativa deseñada para impulsar a creación de empresas innovadoras, promovidas por estudantes, licenciados ou investigadores de calquera das tres universidades galegas ou dos centros asociados da UNED en Galicia, así como a innovación empresarial e a xeración de emprego.

Nesta quenda, a convocatoria varía a estrutura dos seus galardóns, articulada agora en tres categorías, dous premios de Base Tecnolóxica, outros dous de Empresa Xove e un terceiro de Muller Emprendedora. Na primeira modalidade outorgaranse dous premios, o primeiro dotado con 5.000 euros e ata outros 24.000 euros de financiamento mediante préstamo participativo e o segundo con 3.000 euros. En Empresa Xove, igualmente se estableceron outros dous galardóns, de 2.500 e 1.500 euros respectivamente. Para completar o conxunto, novamente se valorará o esforzo da Muller Emprendedora, cun premio en metálico de 2.000 euros para aquelas propostas nas que a maior parte do capital social da empresa sexa para unha ou varias mulleres.

A viabilidade do proxecto, o grao de innovación dos produtos ou servizos ofrecidos, o volume de emprego proxectado, o seu carácter multidisciplinar ou a súa atención ás políticas de igualdade son os criterios que valorará o xurado deste concurso. Os grupos ou persoas interesadas en participar no concurso deberán presentar unha memoria descritiva do proxecto empresarial, ben en Santiago ou en Lugo. Xunto co currículo dos promotores, a documentación a presentar incluirá unha memoria descritiva do proxecto na que conste o título, sector ao que pertence, produtos ou servizos ofertados, análise da competencia, plan comercial e de mercadotecnia, recursos humanos, plan de investimentos e financiamento e conta de resultados, sempre tendo en conta un horizonte temporal de cinco anos.

Para acadar máis información, está dispoñible á páxina web do programa Uniemprende ou directamente en http://www.uniemprende.es/sites/default/files/bases_concurso_proxectos_2011.pdf.

Fonte: http://xornal.usc.es