Oficina CEER
 07-12-2011
‘DA CIDADE DIXITAL Á CIDADE AUMENTADA’, LEMA DAS NOVENAS XORNADA SINDUR

As novenas xornadas Sindur (acrónimo do proxecto Sociedade da Información e Desenvolvemento Urbano-Rexional) desenvolveranse o vindeiro 15 de decembro co lema ‘Da cidade dixital á cidade aumentada’. Estenderase ao longo dun programa no que se abordará a relación entre tecnoloxía, territorio e comunidade dende perspectivas multidisciplinares. A inscrición é gratuíta, tendo dereito ao remate a un certificado de asistencia.

O grupo de investigación GIST da USC pretende con estas xornadas analizar cómo é posible superar o concepto de cidade dixital clásica que promove a formación da sociedade no uso de Internet, na creación de webs locais, a promoción dos telecentros ou no uso dos dispositivos electrónico. O obxectivo é alcanzar un novo concepto de cidade aumentada que impulsa a intelixencia colectiva, a transformación da información en coñecemento, a innovación aberta, a tecnoloxía invisible, a difusión de produtos territoriais, as empresas locais en rede ou a sociedade civil organizada a través das redes sociais e Internet, promovendo o desenvolvemento económico e social.

A vontade do encontro é impulsar un debate crítico e creativo sobre o uso eficiente dos sistemas de xestión de información, estratexias de mercadotecnia territorial de cidades a partir da web 2.0 e as redes sociais como facebook, twitter, tuenti, youtube e outras. Partindo de que este contexto pode promover a creatividade, o emprendedurismo e a innovación na sociedade local, os organizadores buscan superar a publicidade dos tópicos por unha estratexia de mercadotecnia en liña innovadora para promover e vender a “ cidade” e o territorio buscando o beneficio social fronte ao lucro privado.

O programa do próximo 15 de decembro incluirá a intervención do profesor Fernando Casani, da Universidade Autónoma de Madrid, para presentar as conclusións da súa investigación sobre os novos negocios emerxentes en España, as novas formas de organización e as novas oportunidades aplicadas ás tecnoloxías da información e establecerá comparacións entre Google España e Granxafamiliar.com.

Ademais, presentaranse proxectos de innovación aberta do Gist-Idega (www.gist.es), que buscan mellorar e facer eficiente a atención hospitalaria en Galicia dende o principio da hospitalidade; interpretaranse a relación entre a tecnoloxía e a muller galega; analizarase o modelo de turismo masificado da Cidade Espectáculo de Santiago de Compostela e a produción dende a USC dun Ranking das webs dos 8.000 municipios de España; e a iniciativa da empresa de spin off Tecendo Redes que creativamente pon en valor a tecnoloxía invisible e a transferencia de coñecemento dende a universidade á sociedade.

Máis información en http://www.gist.es/public/index.php?pid=novas&nova=118&pag=1&otras_pag=1 Fonte: xornal.usc.es