Oficina CEER
 09-12-2011
ENXEÑEIROS FORESTAIS CREAN UNHA APLICACIÓN MÓBIL PARA EVITAR ACCIDENTES DE TRÁFICO CAUSADOS POR ANIMAIS SALVAXES

O grupo de investigación AF4 do campus de Pontevedra estudou a casuística de 6000 sucesos.

As estradas do norte de Galicia concentran o maior número de sinistros.

Moitos son os perigos aos que se enfrontan os condutores nas estradas. Ademais dos derivados directamente das condicións do tráfico, hai que ter en conta, especialmente en Galicia, os relacionados cos animas salvaxes. Para tentar frear este tipo de accidentes, sobre todo os ocasionados polo co corzo e o xabaril, especies máis comúns na comunidade, o grupo de investigación AF4 da Escola de Enxeñaría Forestal do campus de Pontevedra deseñou unha ferramenta de sinalización persoal empregando as novas tecnoloxías que avisa no momento de chegar a un punto con perigo por invasión das especies. “Trataríase dunha aplicación que se instalaría nos móbiles e que indicaría os tramos conflitivos, converténdose nunha forma de aviso máis eficaz que un sinal convencional”, explica Laura Lagos, investigadora ao fronte do proxecto. Ademais de recorrer ás novas tecnoloxías, os investigadores tamén propoñen o emprego de sinais luminosos e dinámicos “que se activen nos momentos do día con maior perigosidade”, a construción de pasos de fauna e un exercicio de concienciación entre a cidadanía.

O incremento da poboación animal non xustifica o número de accidentes.
Aínda que semelle que o aumento de número de accidentes relacionados coa fauna salvaxe poida estar relacionado cun incremento da poboación animal, Laura Lagos explica que estas especies si experimentaron un crecemento xeral en Europa, “pero as densidades en Galicia aínda son baixas comparadas coas do resto dos territorios da contorna”. O maior número de sinistros concéntrase nas zonas onde conflúen o ser humano e animais salvaxes, o que xustifica que nos macizos centrais lucenses e ourensáns, onde se aglutina a maior densidade de ungulados salvaxes, “non haxa problemas de accidentes deste tipo porque a densidade de poboación humana é baixa”. Por outra banda, Galicia caracterízase por ter unha poboación moi dispersa, o que a converte “nun dos territorios nacionais coa maior densidade de estradas por quilómetro cadrado”, sinala Lagos. Ademais, existe un volume de tráfico cada vez maior e un incremento das velocidades dos vehículos, polo que o número de accidentes destas características “non é tanto consecuencia unicamente do aumento da poboación animal, senón da súa combinación que resulta coa alta densidade de tráfico”, apunta.

O corzo en primavera, o xabaril en inverno.
A partir dunha base de datos que recolle descricións de 6000 accidentes dende 2006, o grupo de investigación AF4 foi quen de establecer unhas pautas temporais e espaciais dos sinistros. Para a definición do patrón temporal os investigadores estudaron os hábitos das especies analizadas. Observaron que no mes de abril e maio concéntranse a maior parte de accidentes provocados polo corzo, “período do ano que coincide coa súa época reprodutora”, salienta Lagos. Pola contra, o xabaril causa un maior número de sinistros entre os meses de outubro e xaneiro, a maior parte deles concentrados entre novembro e decembro, “ben pola coincidencia co período de caza, ben por ser a época do ano coas noites máis longas, pois o xabaril é de hábitos nocturnos”.

Así mesmo tamén trazaron un patrón diario no que de novo xabaril e corzo teñen un comportamento distinto. Mentres que o corzo é máis activo en horario crepuscular, o xabaril faise máis presente nas estradas ao anoitecer e ben entrada a noite. Como aclara a investigadora, “os accidentes relacionados co corzo adoitan suceder entre as 05.00 e as 07.00 horas, con outro pico no anoitecer, entre as 19.00 e as 21.00 horas. Pola contra, os incidentes causados polo xabaril son marxinais polas mañás concentrándose a súa maioría entre as 18.00 e as 22.00 horas”. Na fin de semana orixínase un maior volume de accidentes, “consecuencia de que haxa máis tráfico nocturno que durante o resto da semana”.

No norte, máis probabilidade de atopar un animal na estrada Igualmente deseñaron un patrón xeográfico salientando aquelas calzadas máis proclives a sufrir este tipo de accidentes, destacando que as do norte da provincia de Lugo e de A Coruña concentran o maior número de sinistros, “pois ademais de haber unha densidade media alta de fauna silvestre, existe unha rede viaria con moita afluencia de tráfico”, puntualiza Lagos. A provincia de Pontevedra presenta menos tramos de risco, a excepción de algúns segmentos viarios, como por exemplo o que une os concellos de Mondariz e Ponteareas, así como algúns da comarca do Deza, “nos cales si que se detectou unha porcentaxe importante de accidentes relacionados co xabaril”, conclúe.

O proxecto do grupo de investigación AF4 da Escola de Enxeñaría Forestal foi presentado á convocatoria europea Eurostars, en cooperación con investigadores da República Checa e coa spin off galega Geodem, sendo aceptado e pendente da resolución final.

Fonte: http://duvi.uvigo.es