Oficina CEER
 09-12-2011
UN VASO COMUNICANTE ENTRE O CAMPUS DE OURENSE E PORTO

Laura Campo é un exemplo do traballo que realizan investigadores formados en Ourense no estranxeiro.

O seu traballo céntrase no fluxo do sangue cando se produce un aneurisma cerebral.
Por necesidades laborais, por ampliar coñecementos, para investigar cos mellores profesionais dunha área, para experimentar outras metodoloxías de traballo ou por un pouco de todas estas causas. A traxectoria profesional dos investigadores leva consigo en moitas ocasións etapas de traballo noutros países que lles permiten continuar medrando. É o caso de Laura Campo Deaño, doutora en Física Aplicada que realizou os seus estudos no campus de Ourense e que agora investiga na Facultade de Enxeñaría da Universidade do Porto na formación e ruptura dos aneurismas cerebrais.

A súa traxectoria, salienta, segue o patrón doutros compañeiros investigadores que están actualmente no estranxeiro. Comezou realizando a Licenciatura en Física na Facultade de Ciencias de Ourense. En 2008 presentou a súa tese de doutoramento en Física Aplicada baixo a supervisión dos profesores Clara Tovar, da Universidade de Vigo, e Javier A. Borderías, do CSIC. Unha sólida formación que a levou ao estranxeiro cun contrato de posdoutoramento durante un ano e medio na Universidade Católica de Lovaina, en Bélxica, “onde se encontra o mellor grupo de reoloxía experimental e de fluídos complexos a nivel mundial”.

Reproducir as propiedades do sangue.
Tras esta estancia en Bélxica conseguiu unha bolsa de posdoutoramento do Ministerio de Educación e Ciencia Portugués (Fundação para a Ciência e a Tecnologia), que lle permite realizar o seu actual traballo de investigación na Facultade de Enxeñaría da Universidade do Porto. “A investigación que levo a cabo desenvólvese no Centro de Estudos de Fenómenos de Transporte e ten por obxectivo principal a análise da influencia das propiedades viscoelásticas do sangue nos accidentes cardiovasculares, con especial atención á formación e ruptura dos aneurismas cerebrais”, salienta. Nestas enfermidades, unha debilidade na parede dunha arteria ou vea ocasiona a dilatación dun anaco da parede do vaso sanguíneo que provoca a morte nas primeiras 24 horas de case a metade das persoas que padecen un aneurisma. Unha incidencia que fai relevante, apunta, a investigación do equipo no que traballa.

Como física, o seu papel é investigar para conseguir análogos do sangue coas mesmas propiedades de fluxo do sangue real, que logo son empregados en microcanais que representan aos aneurismas para realizar o estudo do seu comportamento. “O obxectivo final é tratar de esclarecer cal é a relación entre as propiedades elásticas do sangue e as deformacións na parede do microcanal (vea ou arteria) que conducen á aparición, crecemento e ruptura do aneurisma”.

Emprendedora innovadora.
Polo seu perfil e traballo investigador, Laura Campo foi elixida como un dos xoves españois que traballan en centros de investigación de todo o mundo que protagonizan o programa de TVE Emprendedores Innovadores. Unha oportunidade que a investigadora considera moi importante para amosar en España e recoñecer o traballo de calidade que están a realizar os investigadores españois en destacados centros internacionais nos que contribúen ao avance da ciencia.

Fonte: http://duvi.uvigo.es