Oficina CEER
 13-12-2011
A UNIVERSIDADE DA CORUÑA ELIXE HOXE REITOR

Ás 11.00 horas abriranse as urnas para a segunda volta nas eleccións á Reitor da Universidade da Coruña logo de que o pasado día 1, ningún dos cinco candidatos obtivese a maioría absoluta pasando a esta segunda volta os candidatos máis votados, Xosé Luis Armesto, con 1.676 votos ponderados e Luis Castedo, con 1.140 votos ponderados.

Ao igual que sucedeu o pasado 1 de decembro, o proceso electoral será mañá similar en todo. Están chamados para formar as mesas as mesmas persoas da primeira convocatoria e o horario de votación será tamén de 11:00 a 19:00 horas, momento en que comezará o escrutinio. A Universidade da Coruña ten disposta a súa Sala de Prensa na Reitoría para que os medios de comunicación que así o queiran poidan seguir en directo o escrutinio a partir das 19:00 horas. Ao remate do mesmo, comparecerán ante os medios o secretario Xeral, Carlos Amoedo, e o vicerreitor de Cultura e Comunicación, Luís Caparrós, para ofrecer información institucional sobre o proceso electoral. A continuación, comparecerá o novo reitor.

O censo electoral está composto por un total de 20.637 persoas das que 18.270 son estudantes; 797 son profesores doutores con vinculación permanente, 819 membros das restantes categorías do persoal docente e investigador, e 751 integran o plantel do persoal de administración e servizos. Habilitaranse urnas en cada centro para que voten os profesores e os estudantes, xa que o persoal de administración e servizos exercerá o seu voto na Reitoría, no caso dos traballadores dos campus da Coruña, e na vicerreitoría de Ferrol, para o persoal deste campus. Todos os membros da comunidade universitaria, estudantes, profesores e persoal de administración e servizos, disporán de dúas horas para exercer o dereito ao voto. O reitor elíxese por sufraxio universal con voto ponderado de acordo coas seguintes porcentaxes:

- 51% profesorado doutor con vinculación permanente á Universidade.
- 12% resto do persoal docente e investigador.
- 28% estudantes
- 9% persoal de administración e servizos

As porcentaxes de participación na primeira volta das eleccións foron:

- profesor doutor con vinculación permanente, 91,09%
- restantes categorías de profesorado, 66,67%
- estudantes, 18,81%
- persoal de administración e servizos, 83,62%

Así mesmo, o resultado desas primeiras eleccións en votos ponderados foi do seguinte xeito:
- Xosé Luis Armesto, 1.676
- Luis Castedo, 1.140
- Fermín Navarrina, 1.118
- Alejandro Pazos, 724
- Manuel Recuero, 440

Fonte: udc.es