Oficina CEER
 12-08-2007
A USC oferta dezanove Programas Oficiais de Posgrao para o vindeiro curso

A Universidade de Santiago de Compostela oferta para o vindeiro período académico 2007-08 un total de dezanove Programas Oficiais de Posgrao (POP) que, nos seus dous campus, abarcan as cinco grandes áreas de coñecemento. Os Programas Oficiais de Posgrao responden ao proceso de construción do Espazo Europeo de Educación Superior iniciado na Declaración de Bolonia. Un dos obxectivos fundamentais deste proceso é a adopción dun novo sistema flexible de titulacións universitarias baseado en dous niveis: o grao e posgrao.

Os estudos de grao correspóndense co primeiro ciclo e teñen como obxectivo preparar aos estudantes para a súa integración directa no ámbito laboral. Os posgraos abranguen os Másteres e o Doutoramento, orientándose os primeiros cara á formación avanzada e multidisciplinar, a especialización académica e a iniciación á investigación; mentres que o Doutoramento se dirixe á formación avanzada en técnicas de investigación.

Programación dos POP da USC Os dezanove POP que a USC organiza conducen á obtención de 20 Masters (o POP en Ciencia e Tecnoloxía Química ofrece dous Másteres) e 13 cursos de doutoramento. O seu conxunto abrangue as cinco grandes áreas de coñecemento, con 6 programas na de Ciencias Experimentais, 4 na de Ciencias da Saúde e outras tantas en Ciencias Xurídico Sociais, 2 en Ensinanzas Técnicas e 3 en Humanidades.

Esta nova formulación da oferta académica das Universidades está a propiciar a estreita colaboración entre institucións non só da súa área de influencia máis próxima senón tamén con outras do ámbito español e europeo. Deste xeito, aos nove POP que organiza de maneira exclusiva a USC súmanse sete interuniversitarios organizados en colaboración coas outras dúas Universidades galegas e os catro desenvolvidos en coordinación con universidades de fóra da Comunidade Autónoma. Destes últimos, dous están coordinados pola Universidade compostelá.

O vindeiro curso repiten edición os POP de Ciencia e tecnoloxía Química; Dirección e planificación do turismo; Enxeñaría biotecnolóxica; Enxeñaría química e ambiental; Historia contemporánea; Métodos matemáticos e simulación numérica en enxeñaría e ciencias aplicadas; Neurociencia; Servizos culturais; e Xerontoloxía.

Ofertaríanse como novos dez máis, que corresponderían con 11 másteres: Ciencias da visión; Desenvolvemento rexional e integración económica; Educación, xénero e igualdade; Enerxías renovables e sustentabilidade enerxética; Enxeñaría para o desenvolvemento rural; Estatística e investigación operativa; Fotónica e tecnoloxías do láser; Lóxica e filosofía da ciencia; Prevención en riscos laborais e saúde medioambiental; e Xestión e dirección laboral. Atendendo ás suxestións realizadas por estudantes e profesores no anterior curso, a USC acordou unha nova modalidade para desenvolver estes programas, como é a de Tempo Parcial. Así, do total das 823 prazas ofertadas, 166 corresponderán a esta nova fórmula.

Por outra banda, e tamén como novidade, aínda que estes son programas oficiais en Europa establécese unha cota reservada para alumnos que procedan de calquera outro país de fóra do Espazo Europeo de Educación Superior. En concreto, o proxecto Erasmus Mundus External Cooperation Window permitirá a recepción de alumnos de doce Universidades asiáticas, en concreto chinesas.

O prazo de preinscrición, que só se poderá realizar a través de internet (www.usc.es/matricula), permanecerá aberto ata o 15 de agosto, publicándose a lista provisional de admitidos o día 20 dese mesmo mes. Unha vez pasado o tempo de reclamacións, a matrícula deberase efectuar entre o 6 e o 24 de setembro, de novo facendo uso unicamente nas novas tecnoloxías. Para facilitar estes trámites electrónicos aos alumnos, a USC terá habilitadas dúas aulas de informática en Santiago e unha en Lugo.