Oficina CEER
 15-12-2011
CAMPUS DO MAR MOBILIZA AOS SEUS INVESTIGADORES E TECNÓLOGOS

Convócanse bolsas para estadías no estranxeiro por un importe total de 200.000 euros.

Fiel ao seu carácter internacional, Campus do Mar vén de crear un instrumento propio co obxectivo de ofrecer aos investigadores e tecnólogos que forman parte da agregación de I+D a oportunidade de actualizar e afondar nos seus coñecementos con estadías no exterior ao tempo que reforzan a presenza e os vínculos académicos e de investigación do campus. “En ningún caso, pero menos na investigación, se pode ser innovador e competitivo sen ter unha relación internacional profunda e constante”, sinala Alberto González Garcés, director da Área de Internacionalización de Campus do Mar que defende a necesidade de potenciar a mobilidade “incitando aos investigadores a que utilicen as oportunidades que xa existen e creando “novas oportunidades propias”. De este propósito nacen as bolsas de mobilidade ás que poderán concorrer ata o 30 de maio de 2012 os investigadores e tecnólogos das tres universidades galegas , CSIC e IEO, ademais dos de todos os organismos que integran a agregación de I+D de Campus do Mar.

As axudas financiaranse cunha dotación total de 200.000 euros, aínda que o custe económico das bolsas correspondentes á primeira resolución non excederá de 120.000 euros por estancias que terán unha duración de entre un e tres meses. “Estamos convencidos de que se vai crear un grande interese na comunidade científica de Campus do Mar. A compoñente económica é importante, pero tamén que as bolsas se dirixan a investigadores e tecnólogos que integran a agregación de I+D do campus”, sinala González Garcés que destaca que aínda que a convocatoria está aberta ata finais de maio de 2012, hai unha resolución intermedia a finais de xaneiro, “o que permitirá aos aspirantes planificar a súas estadías con toda tranquilidade”.

Obxectivos, solicitantes e contía das axudas:

A actualización de coñecementos, o desenvolvemento de investigacións, a aprendizaxe de novas técnicas e a especialización do persoal docente e investigación, son os obxectivos da convocatoria das bolsas coas que tamén se persegue avanzar na consolidación e potenciación de vínculos académicos e investigadores entre as institucións que conforman Campus do Mar e entidades estranxeiras de referencia. Neste sentido o director da Área de Internacionalización destaca que “unha das obrigas dos bolseiros e bolseiras será acreditar os vínculos establecidos durante a súa estadía”, relacións que se poderán traducir na elaboración de convenios de intercambio de estudantes, solicitude de proxectos de investigación en colaboración, posta en marcha de cursos avanzados conxuntos, creación de redes de transferencia, investigación e docencia ou establecemento de acordos con empresas dirixidas ao fomento da transferencia do coñecemento.

As estas bolsas poderán concorrer doutores, titulados superiores aínda que non posúan o título de doutor pero que acrediten a súa experiencia en actividades de I+D durante ao menos unha década ou que dirixan proxectos de investigación de entidades equivalentes aos do Plan Nacional de I+D durante ao menos cinco anos e docentes eméritos e doutores “ad honórem”. Todos eles deberán estar asentados na comunidade autónoma de Galicia e pertencer á agregación de I+D de Campus do Mar.

Os plans de traballo que deberán presentar os solicitantes serán avaliados por unha comisión presidida polo director da Área de Internacionalización e formada polos membros da Comisión Executiva de Internacionalización de Campus do Mar. Será esta comisión a que eleve, unha vez avaliados os proxectos, una proposta de financiamento ao equipo de goberno do Campus do Mar e finalmente o reitor establecerá o importe das axudas persoais en función do lugar no que se realice a estadía. As subvencións incluirán unha dotación mensual de entre 2000 e 3000 euros ao mes, en función do país de destino, así como unha subvención complementaria para gastos de traslado e instalación ata un máximo de 3000 euros para desprazamentos ao estranxeiro. Tamén se inclúe un seguro de accidentes e outro de asistencia sanitaria.

A imprescindible internacionalización:

Co obxectivo de desenvolver a perspectiva internacional da investigación e a docencia para acadar o estatus de Campus de Excelencia Internacional, deseñáronse catro programas estratéxicos: Proxección exterior, Acollida, Mobilidade internacional e Cooperación ao desenvolvemento. “En Galicia e o Norte de Portugal o Campus do Mar é bastante coñecido, pero somos conscientes de que necesitamos darnos a coñecer fóra de ese ámbito. Por iso o programa de Proxección Exterior terá como primeiro obxectivo dar a coñecer as potencialidades do campus, pero co fin de conseguir fortes relacións docentes e investigadoras no futuro”, detalla González Garcés. No próximo curso 2012-2013 arrancará o Programa de Doutoramento, un programa internacional que precisará dun programa de acollida que facilite a incorporación de estudantes estranxeiros. Ademais o Campus do Mar contribuirá á mellora da calidade de vida das persoas dependentes do uso de recursos mariños a través de xeración coñecemento, en áreas da contorna cultural e lingüística como África e América.

Fonte: http://duvi.uvigo.es (Mª del Carmen Echevarría)