Oficina CEER
 19-12-2011
A USC PARTICIPA ACTIVAMENTE NA XESTIÓN SUSTENTABLE DOS OCÉANOS DO SEXTO CONGRESO MUNDIAL DE PESCA

O profesor Sebastián Villasante é o responsable da organización da sesión especial sobre resiliencia e xestión adaptativa dos océanos.

O profesor Sebastián Villasante, da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, forma parte xunto con especialistas de todo o mundo do comité organizador das sesións especiais que abordarán as diferentes temáticas do sexto Congreso Mundial de Pesca, a desenvolverse en Escocia o vindeiro mes de maio.

Ante o deterioro dos océanos, os potenciais impactos do cambio climático nas comunidades, o crecemento da acuicultura como fonte de alimentos e a necesidade de asegurar unha inxesta de pescado ás presentes e futuras xeracións, a xestión dos océanos convértese nun desafío de consecuencias locais e globais, que será de novo analizado neste encontro internacional do máis alto nivel.

En concreto, o profesor Villasante é o responsable da organización da sesión especial sobre resiliencia e xestión adaptativa dos océanos, na que tratarán cuestións relevantes como os casos de éxito en países en vías de desenvolvemento que servirán de experimento para a recuperación das pesqueiras sobreexplotadas, a reforma da Política Pesqueira Comunitaria, a pesca ilegal, non reglada e non regulamentada e a valoración económica dos servizos ambientais dos ecosistemas mariños, entre outras.

Participará nas discusións a comunidade científica máis prestixiosa do mundo, entre os que destaca no profesor John Beddington, do CMG FRS; Ray Hilborn, da Universidade de Washington; Malcolm Bedverige, do World Fish Center; e Eric Schwaab, da NOAA.

Para as catro áreas temáticas claves do conclave de maio -Ciencia para a xestión de pesqueiras; Resiliencia, xestión adaptativa e servizos ambientais dos sistemas mariños socio-ecolóxicos; Costos sociais e económicos do fracaso na xestión de pesqueiras; e Incremento de proteínas do mar para unha poboación en crecemento- presentáronse xa más dun millar de comunicacións de máis de 140 países de todo o mundo.

Fonte: xornal.usc.es