Oficina CEER
 19-12-2011
A UNIVERSIDADE DA CORUÑA EDITA O PRIMEIRO DICIONARIO DE QUÍMICA EN GALEGO

A Sala de Prensa da Reitoría da Universidade da Coruña acollerá o vindeiro luns, 19 de decembro, ás 10.00 horas a presentación en rolda de prensa do Dicionario de Química en galego, publicado pola UDC en conmemoración do Ano Internacional da Química, e realizado por Juan José Guillín Fraga, Antonio Varela Caamaño e Ramón Vilalta López.

Na presentación do volume participarán Fernando González Muñoz, director do Servizo de Publicacións da Universidade; Moisés Canle López, vicedecano de Química na Facultade de Ciencias; Goretti Sanmartín Rei, directora do Servizo de Normalización Lingüística, e Ramón Vilalta, doutor en Química e coordinador da obra.

Esta nova obra terminolóxica en lingua galega, de máis de 400 páxinas, contou co asesoramento lingüístico e terminolóxico do Servizo de Normalización Lingüística da UDC e dispón dun lemario de máis de 7.000 termos con cadansúa definición, ademais de apéndices con información complementaria de interese (táboa periódica, glosario plurilingüe galego-castelán-inglés-portugués, escolma gráfica de material de laboratorio, etc.).

Os tres autores deste volume xa publicaran no ano 2005 un dicionario de física en lingua galega, de modo que con este segundo dicionario cobren novamente un baleiro importante na terminografía galega no ámbito das ciencias experimentais.

Fonte: udc.es