Oficina CEER
 19-12-2011
O PROXECTO EUROPEO MIGRANET AVANZA NA CREACIÓN DUN OBSERVATORIO DE PEIXES MIGRADORES NO SUROESTE EUROPEO

Colaboran no seu desenvolvemento distintas entidades de Galicia, Francia e Portugal.

O proxecto europeo Migranet, que coordina a USC, celebra este martes 20 a terceira reunión transnacional dos Comités do proxecto para avanzar na consolidación dun observatorio de peixes migradores no suroeste de Europa.

No encontro revisaranse os diferentes grupos de tarefas a acometer no marco do proxecto, identificando o estado de cada un deles e establecendo solucións ás dificultades detectadas. De xeito máis inmediato se prevé a finalización de inventarios de hábitats e presións antrópicas, dun informe xeral que resuma as ameazas que afectan ás especies de peixes migradores e aos seus hábitats no suroeste europeo, así como dun protocolo estandarizado que estableza unha metodoloxía de estudo común. Así mesmo, analizarase o avance dos resultados do proxecto e as actuacións de futuro, programando as accións ata xuño de 2012.

A reunión dirixirana investigadores da Estación de Hidrobioloxía ‘Encoro do Con’ da USC como coordinadores internacionais do proxecto e contará coa presenza de representantes da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia - Norte de Portugal, do Institut National de la Recherche Agronomique (INRA) de Francia, e do Centro Interdisciplinario de Investigaçao Marinha e Ambiental da Universidade do Porto (CIIMAR).

MIGRANET, cofinanciado polo Programa SUDOE a través de fondos FEDER da Unión Europea, ten por obxectivo central configurar unha estratexia de cooperación conxunta na obtención de datos sobre peixes migradores que permita coñecer o estado de conservación das súas poboacións, as presións existentes que actúan sobre estas e prever futuros escenarios de cambio ante as alteracións climáticas e non climáticas no espazo do suroeste europeo.

Para máis información sobre as actividades e resultados do proxecto pódese consultar a páxina web: http://www.migranet.org.es