Oficina CEER
 23-12-2011
O LIBRO “AS MATEMÁTICAS E A ASTRONOMÍA EN GALICIA” ACHEGA A HISTORIA DA DOCENCIA E A INVESTIGACIÓN DESTAS DISCIPLINAS

Traza un percorrido por institucións e personalidades que marcaron o desenvolvemento das ciencias matemáticas, a astronomía e a astrofísica en Galicia.

As Matemáticas e a Astronomía en Galicia é o novo libro do director do Observatorio Astronómico da USC, o catedrático José Ángel Docobo, e o investigador Iván Fernández, presentado este xoves en Fonseca coa asistencia do director do Servizo de Publicacións, Juan Blanco, ademais dos autores.

Este título forma parte da serie ‘Galicia’ da ‘Biblioteca de Divulgación’, creada en 1980 por iniciativa da profesora Mercedes Brea, no seo da que se teñen publicado ata o momento 33 títulos en lingua galega consagrados aos máis variados aspectos da historia, a lingua, a literatura, a xeografía, a economía, a etnografía ou a socioloxía en Galicia.

A publicación presentada é un minucioso percorrido por institucións e personalidades que recupera a obra e dimensión de figuras senlleiras no desenvolvemento das ciencias matemáticas, a astronomía e a astrofísica, de xeito moi nomeado a de Ramón María Aller que hoxe dá nome ao Observatorio Astronómico da USC. Numerosas imaxes de persoas, edificios, mapas, libros ou aparellos completan o abano de recursos presentados neste volume a modo de testemuña do fondo arraigamento dun desenvolvemento científico autenticamente meritorio.

Como sinala José Ángel Docobo no limiar, aínda que non se trata da primeira monografía sobre a evolución das matemáticas en Galicia dende o punto de vista da Historia da Ciencia, “queda moito por investigador e descubrir” neste eido, en boa medida porque “son pouco os investigadores nesta materia en Galicia”. As principais novidades presentadas teñen que ver principalmente coa matemática desenvolvida na USC, outorgándolle visibilidade aos traballos máis relevantes neste eido dende comezos do século XIX e a súa vinculación coa Astronomía.

O traballo editado presenta tres capítulos que arrancan nunha síntese histórica do devir dos principais centros académicos e educativos nos que se ensinaban matemáticas, cunha breve sinopse dalgúns dos seus protagonistas. Nun segundo momento, o volume volta a súa atención cara a evolución do ensino e a investigación matemática e astronómica na USC. Para completar este conxunto, o novo título da Biblioteca de Divulgación inclúe resumos biográficos dos matemáticas e astrónomos galegos, falecidos ou vivos cunha traxectoria científica pechada, que a xuízo dos autores merecen un especial estudo e seguimento.

Como engade o director do Observatorio Astronómico, o traballo presentado “non ten máis pretensión que a de se aproximar á realidade á realidade histórica que nos trouxo ata aquí, case sempre a través do esforzo e valía de persoeiros que, traballando ás veces incluso illadamente, compensaron dalgún xeito o secular abandono científico da nosa comunidade”.

Fonte: http://xornal.usc.es