Oficina CEER
 23-12-2011
OS PROFESORES DA USC MIGUEL CABO E ANTONIO MÍGUEZ GAÑAN O PREMIO DOMINGO FONTÁN DE INVESTIGACIÓN HISTÓRICA

Os profesores Miguel Cabo Villaverde e Antonio Míguez Macho, do Departamento de Historia Contemporánea e de América da USC, resultaron os gañadores da segunda edición do Premio Domingo Fontán de investigación histórica polo traballo ‘A Cámara agrícola e pecuaria de Santiago (1903-1929): Un espazo de sociabilidade e de poder na Compostela da Restauración’. O galardón convócano con carácter bianual a Universidade de Santiago e a Real Sociedade Económica de Amigos do País (RSEAPS).

O xurado, que tivo que decidir entre varios traballos de diversas comunidades autónomas, destaca o novidoso do tema da investigación gañadora (do que existe escasa documentación) que mostra as relacións clientelares e realiza unha análise da sociedade civil do momento. A boa utilización da bibliografía e das fontes, a súa estrutura e correcta metodoloxía e a posta en valor dos recursos da Sociedade Económica foron tamén aspectos determinantes polo comité avaliador para a concesión deste galardón académico.

Ademais o xurado fixo unha mención especial para a investigación ‘De la música académica al nacionalismo musical. La saga de músicos Courtier en Galicia’, de Beatriz Cancela Montes e Alberto Cancela Montes, que aínda que sen dotación económica se recomendará a súa publicación. Destácase nel tamén con especial fincapé a utilización de fontes moi diversas, a posta en valor dos recursos da Sociedade e a calidade na súa narrativa.

O xurado estivo integrado polo vicerreitor de Relacións Exteriores e Internacionalización da USC, Victor Millet Schröder; o decano da Facultade de Xeografía e Historia da USC, Juan Manuel Monterroso Montero; o director do Departamento de Historia Económica da USC, Xoán Carmona Badia; e o presidente e secretario da RSEAPS, Juan B. de la Salle Barreiro Pérez e Fernando Barros Fornos, respectivamente.

O Premio.
Ao premio, dotado con 2.000 euros, poden presentarse traballos de investigación histórica, paleográfica, xeográfica, artística, arquivística, patrimonial, bibliográfica ou calquera outro de investigación de carácter histórico fundamentado no patrimonio e documentación da RSEAPS ou baseado no período e motivo da súa creación.

O nome do certame fai honra a Domingo Fontán, autor da Carta Xeométrica de Galicia de 1834, o primeiro mapa realizado en España con rigor científico mediante métodos matemáticos e que será a base para a realización do trazado de novas estradas.

O mapa de Fontán foi unha obra revolucionaria que tivo plena validez durante máis dun século, sendo pioneira ao adiantarse non só ao conxunto do estado español senón tamén a moitos países europeos. Como novidade na súa elaboración, Domingo Fontán botou man do traballo de campo e do uso do procedemento de triangulación, ata ese momento so empregado na cartografía marítima, que forneceron de exactitude o resultado final.

Fonte: http://xornal.usc.es