Oficina CEER
 29-12-2011
A VIDA NA MONTAÑA LUGUESA NA IDADE DO XEO

Presentarán no concello de Triacastela un libro arredor da vida na montaña luguesa na Idade do Xeo.

Trátase do volume To the West of the Spanish Cantabria. The Palaeolithic settlement of Galicia, que recolle as achegas realizadas polos investigadores que participaron no curso de verán ‘A vida na montaña luguesa na Idade do Xeo’.

O catedrático Ramón Fábregas e o investigador Arturo de Lombera acaban de publicar o libro To the West of the Spanish Cantabria. The Palaeolithic settlement of Galicia, no que se recollen as achegas realizadas polos investigadores que participaron no curso de verán ‘A vida na montaña luguesa na Idade do Xeo’.

A obra, unha ducia de traballos de marcado carácter interdisciplinar que achega unha visión completa do Cuaternario, presentarase publicamente este xoves 29 na casa do Concello de Triacastela nunha rolda de prensa prevista para as 13.30 horas na que ademais do autores participará tamén a alcaldesa de Triacastela Olga Iglesias.

Publicado nunha afamada editorial inglesa especializada en publicacións internacionais de carácter arqueolóxico, o libro aspira a difundir a unha maior audiencia dentro da comunidade científica os achados realizados nas comarcas orientais de Galicia. Trátase dunha proposta editorial que cubre un importante baleiro na investigación galega xa que practicamente se carecía de obras de referencia sobre esta rexión, clave á hora de comprender a evolución paleoambiental do noroeste peninsular e sobre todo da súa relación co poboamento paleolítico da Cornixa Cantábrica.

Fonte: xornal.usc.es