Oficina CEER
 30-12-2011
OS "OBRADOIROS DE EMPREGO" ACHEGARÁN A REALIDADE DO MERCADO LABORAL AO ALUMNADO E AOS NOVOS TITULADOS

Organizados dende a Área de Emprego da Universidade de Vigo.

O prazo de inscrición estará aberto ata o 4 de xaneiro.

Recibir asesoramento sobre as estratexias e tácticas que poden ser útiles á hora de buscar traballo é un requisito fundamental que se acentúa en situacións de crise coma a actual. Sendo conscientes desta necesidade, a Área de Emprego da Universidade de Vigo porá en marcha os Obradoiros de Emprego co fin de informar ao alumnado e aos recentemente titulados dos tres campus sobre a realidade do mercado laboral, ademais de darlle as claves para pasar con éxito procesos de selección e dinámicas grupais dunha forma práctica e realista.

O eixo central destes obradoiros céntrase en resolver todas as dúbidas que xorden á hora de buscar un traballo e sobre como actuar no momento de enfrontarse á entrevista. Por este motivo, e tal e como aclara Mª Ángeles Manzanares, orientadora laboral da Fundación Universidade de Vigo, “as xornadas xirarán sobre catro temas principais: o mercado de traballo, as habilidades sociais relacionadas co autocoñecemento e a autoestima, as técnicas para buscar emprego como pode ser a elaboración de currículums e o emprendemento, xa que son factores clave”.

Prazo de inscrición e datas clave.
Os obradoiros impartiranse tanto en Vigo como en Ourense e en Pontevedra con horario de 09.00 h a 14.00 h. No campus vigués terán lugar os días 9, 16 e 23 de xaneiro no edificio Miralles, mentres que no ourensán celebraranse os días 10, 17 e 24 no Edificio do Ferro e no pontevedrés serán os días 11, 18 e 25 na EU de Enxeñaría Forestal.

Todos aqueles interesados poderán matricularse ata o vindeiro 4 de xaneiro a través da páxina web da Área de Emprego da Fundación.

Fonte: http://duvi.uvigo.es