Oficina CEER
 03-01-2012
INVESTIGADORES DE FÍSICA PUBLICAN EN PHYSICAL REVIEW LETTERS UN ARTIGO ARREDOR DAS ONDAS DE FARADAY

Calquera que teña observado a formación de pequenas ondas na superficie dun vaso de auga vibrando cando o serven nun avión ou nun tren acaba de levar a cabo inconscientemente o experimento de Faraday de 1831. Esta experiencia consiste na axitación rítmica e vertical dun recipiente cheo de auga, e as ondas superficiais denomínanse ondas de Faraday. Só uns poucos investigadores prestaron atención a outro fenómeno que parece estar ligado ás ondas, os movementos de pequenas partículas engadidas ao fluído.

Un grupo de investigadores da USC desenvolveron un traballo no que se determina por vez primeira a causa destes movementos medindo o campo de velocidade que se produce na superficie da auga e as súas correspondentes estatísticas mediante unha técnica denominada velocimetría de imaxes de partículas (PIV, Particle Image Velocimetry). O estudo publicárono na revista Physical Review Letters asinado por Alberto e Vicente Pérez Muñuzuri, Guillermo Fernández García, A. von Kameke e F. Huhn, co título Double cascade turbulence and Richardson dispersion in a horizontal fluid flow induced by Faraday waves.

Como explican os investigadores, os espectros de enerxía del fluxo mostran unhas características típicas para sistemas turbulentos de dúas dimensións. Os sistemas de fluxos ‘dous dimensionais” son unha aproximación importante para describir procesos da natureza, como as correntes no océano ou circulacións na atmosfera. En contraste coa turbulencia en tres dimensións, a de dous inclúe a posibilidade de transmisión de enerxía dende pequenas a grandes escalas espaciais. Segundo os autores da investigación, este é un proceso que explica unha aparente contradición, como é a creación de grandes estruturas como os remuíños cando unicamente se axita o fluído en escalas moito máis pequenas.
Fonte: xornal.usc.es