Oficina CEER
 04-01-2012
A AULA DE TEATRO UNIVERSITARIA GEPPETTO EXPLICA A GUERRA E O EXILIO AOS NENOS DA MOTI

O día 28 de decembro estreou no Auditorio Municipal a obra "O manuscrito".

O campus de Ourense tamén participa na mostra de teatro acollendo varias representacións.

“Hai que traballar a fantasía e a creatividade dos nenos pero tamén hai que ensinarlle as dificultades da vida. Aínda que haxa que presentalas dun xeito máis lúdico e suave, os nenos teñen dereito a coñecer os problemas e poder falar deles cos seus país”. Deste xeito explica Elena Seijo, director da Aula de Teatro Universitaria Geppetto, por que escolleron a temática da guerra e do exilio para a obra O manuscrito, que estrearán o 28 de decembro na Mostra de Teatro Infantil de Ourense MOTI. A cita de referencia teatral para os máis pequenos da casa celébrase do 25 ao 30 de decembro e como cada ano a aula e o campus contan cun papel protagonista.

O manuscrito presenta a a peregrinaxe de Irene e da súa nai de país en país buscando alguén que publique o manuscrito do seu pai encarcerado, un documento onde conta as desaparicións e encarceramentos que están ocorrendo no seu estado. “Nesa viaxe non estarán soas e contarán coa axuda duns personaxes que nos sorprenderán a todos pola súa valentía e coraxe”, explica Elena Seijo, directora da Aula Geppetto. Para gozar da peza, especialmente os rapaces maiores de catro anos, haberá que achegarse ao Auditorio Municipal, ás 18.00 ou ás 19.30 h.

Coa estrea desta obra culminará o traballo que desde finais de outubro realiza a Aula de Teatro Universitaria Geppetto, que conta con 11 alumnos membros da comunidade universitaria e de fóra dela que participan no curso de extensión universitaria que leva o mesmo nome que a aula. Segundo explica Isabel Seijo, foron uns meses de traballo intenso que comezaron coa formación do grupo e traballando aspectos de expresión corporal e voz, improvisación, etc. “O proceso é sempre o mesmo. No verán penso un tema que me gustaría abordar e desenvolvo a peripecia. Unha vez formado o grupo de teatro a principios de curso, segundo a súa composición e coa súa axuda, creo o guión no que traballamos ata a estrea da peza na MOTI e a súa representación posterior na MITEU”, destaca a directora do grupo teatral.

Moito máis no campus e desde o campus.
Ademais da participación da Aula de Teatro Universitaria Geppetto, como en anos anteriores o campus de Ourense acollerá nas súas instalacións varias das representacións da MOTI. A Sala Emilia Pardo Bazán estrearase nesta edición da MOTI o luns 26 de decembro coa representación, ás 18.00 h, da obra de monicreques Guyi-Guyi, da compañía Periferia Teatro de Murcia. Tras este inicio, as representación regresarán á Universidade o día 29 coa compañía galega Trécola Teatro, que ofrecerá a obra A estraña historia dos ladróns do tempo. Para rematar, o venres día 30, acollerá tres representacións da peza de Títeres Trompicallo O día que chegou unha nube e choveu, dirixida a nenos de 1 a 5 anos. A entrada no campus de Ourense costará tres euros pero a súa recadación irá destinada a UNICEF.

Tamén na Sala Emilia Pardo Bazán o día 29 a Aula de Danza Universitaria Dou-Tras representará a súa peza Esto non é... Baixo a dirección de Marta Alonso e Begoña Cuquejo as alumnas da aula presentarán os primeiros pases deste traballo, no que actualmente están traballando e que estrearán en marzo de 2012. Para facelo contarán co apoio dunha peza de Traspediante.

Fonte: http://duvi.uvigo.es