Oficina CEER
 05-01-2012
O LABORATORIO DE RADIOFÍSICA DA USC CONCLÚE A PRIMEIRA CAMPAÑA DE CALIBRACIÓN GRATUÍTA DOS HOSPITAIS GALEGOS

O pasado mes de decembro rematou a primeira campaña de calibración da instrumentación de medida da dose en radioterapia dos hospitais galegos que levou a cabo de maneira gratuíta o Laboratorio de Radiofísica da Universidade de Santiago, o primeiro laboratorio secundario de calibración en terapia dunha universidade española. A USC contribúe así a dar soporte aos programas de garantía de calidade dos hospitais galegos e á exactitude na dose impartida dos tratamentos oncolóxicos de radioterapia.

Neste proxecto tamén se realizaron calibracións para centros hospitalarios españois como o Puerta de Hierro ou a Clínica Ruber Internacional, que perseguen a maior exactitude dosimétrica de novas técnicas de tratamento como a tomoterapia ou Cyberknife. Recentemente este centro da USC levou a cabo o seu primeiro tratamento de radioterapia animal en colaboración co hospital veterinario de Lugo Rof Codina.

Dentro de las actividades de I+D nas que participa o laboratorio, que forma parte da Rede de Infraestruturas de Apoio á Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico (RIAIDT) da USC, figura o desenvolvemento dos novos protocolos de dosimetría para radioterapia seguindo as recomendacións da Organización Internacional da Enerxía Atómica.

Ademais, o centro universitario colabora no desenvolvemento de compoñentes para misións espaciais a través do estudo da resistencia a radiación dos sistemas electrónicos. Entre outras, durante 2011 na USC realizáronse probas de sistemas que forman parte das misións a Marte do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial español (INTA) ou da Misión Rosetta, que será a primeira en alcanzar e aterrar nun cometa do sistema solar.

Fonte: http://xornal.usc.es